Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo ofrecerá no 2014 outras 50 bolsas de formación para mozos desempregados

O Presidente mantivo hoxe unha xuntanza cos 50 mozos beneficiarios da convocatoria 2013, que comezan estes días a súa formación Gómez Besteiro salientou que ofrecer formación de calidade é “a mellor garantía de futuro e desenvolvemento económico para a nosa provincia e o noso país”A formación especializada que recibirán en empresas europeas durante 3 meses, permitiralles aumentar as súas posibilidades de inserción laboral ó regresar á provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este venres que o organismo provincial ofrecerá este ano 50 novas bolsas para mozos titulados universitarios ou en Formación Profesional desempregados. Esta nova convocatoria, que permitirá ós beneficiarios ampliar a súa formación e aumentar así as posibilidades de inserción laboral ó seu regreso, é posible grazas ó recoñecemento da Unión Europea á boa xestión que o organismo lugués ben realizando dos fondos comunitarios concedidos, que ata o momento permitiron a 258 mozos completar os seus coñecementos en empresas de diferentes países europeos. Esta iniciativa destinada a combater o paro xuvenil conta cun orzamento de 230.000 euros, dos que a Unión Europea aporta o 70%.

Gómez Besteiro fixo o anuncio durante a xuntanza que mantivo esta mañá cos 50 rapaces seleccionados na convocatoria de 2013, cos que intercambiaron impresións sobre a experiencia que comezarán nos vindeiros días en prestixiosas empresas de Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda, entre outros.

O Presidente destacou que a Deputación impulsa este programa consciente de que “o mercado laboral demanda cada vez máis unha maior especialización, polo que é fundamental combinar a formación académica coa experiencia profesional e o coñecemento de idiomas”. Gómez Besteiro salientou que a delicada situación do sistema educativo do país, provocado polos recortes dos Gobernos central e autonómico provocan que moitas familias non poidan facer fronte ós custes dos estudos de posgrao e especialización, polo que esta formación totalmente gratuíta para os beneficiarios “é un paso máis na nosa aposta pola formación dos mozos lucenses como a mellor garantía de futuro e desenvolvemento económico para a nosa provincia e o noso país”.

3 meses en países europeos

Os 50 mozos presentes na reunión celebrada esta mañá, partirán nos vindeiros días cara diferentes puntos de Europa para comezar a súa formación especializada nalgúns dos empregos con máis futuro, como os relacionados coas novas tecnoloxías; o medio ambiente; a agricultura, silvicultura e pesca ou o turismo.

Os bolseiros formaranse e traballarán durante un período de 3 meses, sen ningún tipo de custe para eles, logo do cal regresarán á provincia cun currículo mellorado que lles permitirá aumentar de xeito significativo as súas posiblidades de inserción laboral.