Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo non avalou, nin supervisou o proceso de funcionarización do Concello de Antas de Ulla

Imaxe deputación de lugo
O Deputado de Cooperación subliñou que, pola contra, o organismo provincial advertiu á entidade local da ilegalidade de consolidar emprego laboral temporal en fixo

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, informou este xoves de que a Deputación de Lugo “en ningún momento avalou, nin supervisou” o proceso de funcionarización do Concello de Antas de Ulla aprobado pola corporación local no Pleno do pasado martes. “De feito, non temos constancia algunha do plan que pretende seguir o Concello, nin dos postos de traballo ós que lles afecta, polo que mal podemos avalar ou supervisar”, explicou.

O único que recibiu o organismo provincial, engadiu Santos, foron “tres consultas xenéricas en materia de persoal que chegaron ó buzón xeral do departamento de Cooperación cos Concellos a través de correo electrónico”. “É máis, nunha desas respostas advertimos, literalmente, de que non é legalmente posible proceder á consolidación de emprego temporal en fixo”, indicou o Deputado.

Álvaro Santos destacou así mesmo que a Deputación de Lugo colabora e presta asistencia técnica a todos os Concellos da provincia en procesos relacionados con recursos humanos, “pero precisamente neste caso non recibimos nin sequera unha solicitude do Concello de Antas para facelo”.