Deputación de Lugo

O novo Consello de Administración do CB Breogán reuniuse coa plantilla do equipo lucense

O novo Consello de Administración do CB Breogán, encabezado polo seu presidente, Antonio Veiga, tamén vicepresidente da Deputación de Lugo, visitou, esta mañá, o Pazo Provincial dos Deportes para reunirse cos xogadores, corpo técnico e empregados do club, coa intención de informalos sobre “a máxima normalidade coa que está transcorrendo todo este proceso” e trasladarlles unha mensaxe de tranquilidade sobre a viabilidade e futuro do club.

Durante o encontro, Antonio Veiga presentou aos catro novos membros que forman parte do Consello de Administración: José Mourelle Cillero, secretario xeral da Deputación de Lugo, Rosa Abelleira, interventora da Deputación de Lugo; e Alfonso Orol e Alberto Fernández Fraga, dúas persoas moi vinculadas ao mundo do deporte lucense.

Respecto aos retos que teñen fixados desde o Consello de Administración, Alberto Fernández Fraga, ao que se lle delegan as funcións no ámbito deportivo do Breogán, explicou que “o labor que vamos desempeñar resúmese en tres palabras: compromiso, implicación e diálogo. Compromiso tanto co proxecto deportivo como co club e todos os traballadores que o conforman; implicación ata o punto de que este sábado viaxaremos cos xogadores do Breogán ata A Coruña para disputar o partido de liga; e diálogo porque a partir da próxima semana iniciaremos unha rolda de contactos con todos os estamentos do Breogán e persoas interesadas para mellorar o que que se poida mellorar e manter o que estea ben”.

Desde o Consello de Administración afrontan esta nova etapa do proxecto do CB Breogán SAD con todas as garantías tanto a nivel deportivo como a nivel financeiro, legal e de transparencia.