Deputación de Lugo

Once artistas españois inspirados polas nubes exporán os seus traballos na nova mostra da Capela de Santa María

Regina Polín presentou este mércores Estar en las nubes, exposición que se inaugura este xoves ás 20:00 horas e que reúne unha trintena de obras realizadas baixo diferentes técnicas coas nubes como motivo de inspiración por destacados artistas do panorama nacionalOs galegos Sheila Pazos; Din Matamoro; Alina Granados; Xurxo Gómez-Chao; Jesús Otero-Yglesias; o vallisoletano Eugenio Ampudia; a catalana Andere Mojo; o cántabro Ciuco Gutiérrez e o zaragozano Carlos Maño son os artistas participantes nesta mostra colectivaA mostra gratuíta poderá ser visitada entre o 6 de marzo e o 20 de abril nos horarios habituais: de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este mércores Estar en las nubes, a nova exposición que acolle a Capela de Santa María, e que amosa unha trintena de traballos multidisciplinares asinados por 11 destacados artistas españois coas nubes como motivo de inspiración. Durante o acto de presentación, que contou coa presenza da Concelleira Ana González Abelleira; Fátima Otero, comisaria da mostra, e Alina Granados, unha das artistas participantes, Polín subliñou que “novamente, a Capela acolle unha exposición de exquisita calidade, con artistas procedentes de toda España que se suman á longa lista de nomes que teñen dado a este espazo o nivel que todos lle recoñecen hoxe en día”.

A Deputada destacou que “responsables e artistas conseguimos facer da Capela o espazo de referencia que é hoxe. Hai poucos espazos coma este, capaz de facer compartir espazo ó arte e á artesanía, conxugando perfectamente tradición e modernidade ó ofrecer un espazo único no que teñen cabida as creacións téxtiles saídas de teares tradicionais e as instalacións artísticas de vangarda”. Pola súa banda, Fátima Otero, destacou que esta é unha exposición única, que reúne obras de artistas que teñen empregado as nubes como tema de inspiración recurrente, e non feitas por encargo. Igualmente, destacou a calidade dos artistas presentes, entre os que se atopan, por exemplo, Eugenio Ampudia, recoñecido como o mellor artista na edición 2008 de ARCO.

11 artistas nas nubes

Esta mostra recolle obras, realizadas baixo diferentes técnicas, que xiran en torno a un eixo común: as nubes. Tal e como destacou Fátima Otero, as nubes teñen sido motivo de inspiración para centos de artistas, ó longo da historia do arte, que plasmaron a través da pintura, a escultura, o deseño, o vídeo ou a o mobiliario, a fascinación polos “caprichos celestes”. Nembargantes, as nubes poucas veces foron tratadas a nivel expositivo, polo que aí radica a orixinalidade desta mostra.

11 artistas multidisciplinares que representan o máis destacado da actualidade do panorama actual en España están presentes en Estar en las nubes. Os galegos Sheila Pazos; Din Matamoro; Alina Granados; Xurxo Gómez-Chao; Jesús Otero-Yglesias aportarán a súa particular visión das nubes, moitas veces de xeito onírico e futurista, a través da pintura e da fotografía; nubes de helio a xeito de pantallas de proxección do vallisoletano Eugenio Ampudia; as famosas rain tables da catalana Andere Mojo, Premio Samsonite de Deseño; as nubes fotografadas do cántabro Ciuco Gutiérrez, ou a combinación de pintura e fotografía do zaragozano Carlos Maño, suman ata 30 pezas que dan boa mostra da sensibilidade do colectivo artístico que reintepretan a tradición cultivada ó longo dos séculos por artistas como Leonardo da Vinci ou Warhol, pasando por Constable, Turner ou Magritte.

Horarios da exposición

A exposición abrirá as súas portas este xoves, ás 20:00 horas, nun orixinal acto cheo de sorpresas para os asistentes, como as nubes de algodón de azucre que se poderán degustar, e no que a música terá un papel protagonista, xa que será a estrea dunha peza para instrumentos de corda, composta especialmente para a ocasión. Ata o 20 de abril, todos os que desexen achegarse ata a Capela de Santa María poderán facelo no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuita.