Deputación de Lugo

A Deputación contribúe ó labor da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo

López Izquierdo supervisou os traballos de roza que se están a acometer na finca na que está situada a Protectora e nos que o organismo provincial inviste 12.000 eurosEsta e outras actuación desenvoltas pola Deputación de Lugo responden á solicitude de axuda realizada polos veciños e os responsables da Protectora

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, supervisou este xoves, acompañada polo Presidente da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, Javier García Calleja, os traballos de acondicionamento que o organismo provincial está a realizar para mellorar as instalacións.

Estes traballos consisten en diversos labores de limpeza e roza nunha superficie de máis de 3 hectáreas, que eliminarán de maleza as inmediacións da Protectora, ubicada na parroquia lucense de Santa María de Muxa. Estas actuacións completarán as realizadas hai uns meses e que consistiron na roza e poda de ducias de árbores, incluíndo a tala dunha decena de piñeiros de California (Pinus radiata) que, debido ó seu crecemento descontrolado, facían perigar a estabilidade do muro de peche das instalacións.

Ademais destas actuacións, o organismo provincial colabora con outros aspectos fundamentais para o correcto funcionamento da Sociedade, financiando diversos gastos de subministros e mantemento. A Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo realiza o seu labor por toda a provincia, xa que mantén convenios de colaboración con varios Concellos lucenses nos que desenvolve non só tarefas de recollida e acollemento de animais, senón tamén de divulgación para a concienciación sobre o respecto animal.