Deputación de Lugo

A Deputación ofrecerá gratis ós Concellos máis actividades educativas e promocionais dos recursos naturais co Barco Muralla

Martínez remarca que “tras os recortes da Xunta, que eliminou as actividades extraescoleras nos municipios, e tendo en conta o éxito da anterior programación, coa participación de máis de 2.000 cativos de toda a provincia, ofreceremos ós cativos do rural novas actividades” A aula medioambiental, que xa visitarán máis de 15.000 persoas, continuará promocionando os recursos naturais e os produtos autóctonos en destacadas festas e citas gastronómicas de toda a provincia, aproveitando a afluencia de visitantes

A Deputación ofrecerá gratis a todos os Concellos da provincia máis actividades educativas e promocionais sobre a riqueza natural da provincia a través do Barco Muralla. A Xunta de Goberno acordou este vernes iniciar a contratación da nova programación da aula medioambiental para poñela en marcha na primavera.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, remarcou que “tras os recortes da Xunta, que eliminou as actividades extraescolares nos municipios, e tendo en conta o éxito da programación anterior, na que participaron máis de 2.000 rapaces de toda a provincia, a Deputación ofrecerá ós cativos novas actividades lúdicas, coas que coñecerán a diversidade da flora, fauna e ecosistemas da provincia, ó tempo que lles achegará dous símbolos lucenses, a Muralla romana de Lugo e a Mariña, aínda descoñecidos para moitos rapaces.

O Barco Muralla continuará, ademais, promocionando os produtos autóctonos, a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com ou os establecementos hostaleiros coas marcas de calidade Lugo Sabe e Lugo2. Os tres monitores que haberá na aula medioambiental informarán sobre os recursos naturais da provincia, como as Reservas da Biosfera, o Courel ou a Mariña, como xeradores de riqueza.

Ademais dos cativos, outras 15.000 persoas xa coñeceron a riqueza natural da provincia durante a estancia do Barco Muralla en recoñecidas citas gastronómicos e festexos de toda a provincia, no que volverá a estar presente, aproveitando a afluencia de visitantes para promocionar Lugo.