Deputación de Lugo

A Deputación convida a Feijóo a 'seguir copiando as políticas de Besteiro nos polígonos da Xunta, como ten previsto facer no Porto Seco de Monforte'

Imaxe deputación de lugo
García Porto remarca que “despois de tres anos pedíndolle que aplique medidas que poñan fin a esa imaxe de polígonos baleiros da Xunta, parece que Feijóo atende as nosas peticións, a lo menos, en Monforte”, onde anunciou a redución nun 15% do custe das parcelasA Deputada salienta que “é preciso que os anuncios pasen a ser feitos”, posto que a Xunta acumula nos seus polígonos 2,8 millóns de metros cadrados baleiros e unha débeda en Xestur de 261 millóns de eurosO organismo provincial leva anos rebaixando o prezo dos seus polígonos, ata conseguir que sexan un 67% máis baratos cos da Xunta, e puxo en marcha unha pioneira medida en España para favorecer o asentamento empresarial e a xeración de emprego

“Por fin Feijóo parece ser consciente de que, se mantén eses desorbitados prezos do solo, os polígonos da Xunta de Galicia seguirán sendo páramos, posto que decidiu copiar as políticas do Presidente da Deputación de Lugo no Porto Seco de Monforte de Lemos”. Así valorou este sábado a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, o anuncio de reducir nun 15% o custe das parcelas da área industrial monfortina.

“Despois de tres anos pedíndolle que aplique medidas que poñan fin a esa imaxe de polígonos baleiros da Xunta, parece que Feijóo atende as peticións da Deputación de Lugo, a lo menos, en Monforte”. García Porto lembrou que dende 2011 o organismo provincial vén reclamando ó Goberno galego unha rebaixa nos custes do seu solo, posto que mantén prezos de ata 110 euros por metro cadrado, como é o caso do polígono lugués das Gándaras, impedindo o asentamento empresarial e a xeración de emprego.

“Durante anos Feijóo ignorou as nosas peticións, conseguindo que hoxe a Xunta acumule nos seus polígonos 2,8 millóns de metros cadrados, o triplo das 7 grandes cidades galegas, baleiros, así como un débeda en Xestur de 261 millóns de euros, feito que, precisamente, motivo a saída da Deputación de Lugo desta sociedade”, remarcou.

“Con estas cifras, é preciso que os anuncios pasen a ser feitos”, destacou García Porto, quen convidou a Feijóo “a seguir copiando as políticas de Gómez Besteiro nos polígonos da Xunta, como parece ter previsto facer no Porto Seco de Monforte”.

Neste senso, lembrou que o organismo provincial leva anos reducindo o prezo do solo dos seus polígonos, ata acadar unha media de 35 euros por metro cadrado, un 67% máis baratos que, por exemplo, o das Gándaras da Xunta. Da mesma forma, salientou que a institución luguesa puxo en marcha unha medida pioneria en España para favorecer asentamento empresarial e crear emprego, que consiste en ofrecer ós emprendedores a posibilidade de financiar nun mesmo paquete o custe da parcela e a construción das instalacións.