Deputación de Lugo

A Deputación explicou en Monforte os pasos para conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade

O Director de Fondos Europeos deu conta do traballo realizado polo organismo provincial para consolidar a candidatura, así como do proceso restante para a súa inscrición oficial

O Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte de Lemos acolleu unha charla sobre a candidatura deste territorio a Patrimonio da Humanidade. A conferencia co título “Os primeiros pasos... para o Patrimonio da Humanidade” foi impartida polo Director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera, que deu conta dos pasos realizados polo organismo provincial para consolidar a candidatura, así como os vindeiros trámites a realizar no proceso ata acadar a súa inscrición oficial na lista da UNESCO.

Pablo Rivera fixo un repaso polo patrimonio da humanidade español xa declarado como tal e puxo como exemplo as xestións realizadas por outras administracións públicas. A Comisión que prepara a candidatura da Ribeira Sacra apoia a súa candidatura en relación a tres elementos que conforman o patrimonio deste territorio: a pedra, a paisaxe e o viño.

O Director de Fondos Europeos explicou a implicación da Deputación na candidatura da Ribeira Sacra. Lembrou que o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, asumiu no seu discurso de investidura, no ano 2011, o compromiso de promover a Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, co obxectivo de impulsar economicamente este territorio e loitar contra o despoboamento xeográfico. Dende aquela, a institución luguesa ten realizado un intenso labor para configurar unha candidatura fortalecida. Concretamente, promovéronse encontros de traballo con membros da comisión encargada de preparar a candidatura da Torre de Hércules; favoreceuse o desenvolvemento rural a través de iniciativas como as marcas de calidade LugoSabe e Lug02; buscouse financiamento para a investigación relacionada coa candidatura a través da Fundación Biodiversidade; e o organismo provincial pasou a formar parte da Asociación Española de Pequeñas y Medianas Ciudades Vitivinícolas (ACEVIN) liderando e promocionando os viños da Ribeira Sacra.

Da mesma forma, o Pleno Provincial acordou por unanimidade impulsar conxuntamente esta candidatura con outras administracións. Deste xeito, as Deputacións de Lugo e Ourense, xunto ó Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, asinaron un convenio de colaboración. A institución luguesa, iniciou, unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar o apoio da cidadanía a esta candidatura e divulgar entre a sociedade lucense a beleza deste territorio.
Máis de 6.000 persoas participaron xa nesta iniciativa.