Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo decreta tres días de loito e aproba por unanimidade unha declaración institucional lamentando o falecemento de Adolfo Suárez

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro destacou que “Suárez representa o triunfo dunha xeración que loitou para que a democracia voltara a España, e o seu legado permanecerá vivo na mente de todos os españois e demócratas” A Corporación provincial aprobou hoxe unha declaración institucional transmitindo o seu pesar á familia, e as bandeiras da Deputación ondearán a media hasta os tres días de loito oficial decretados

A Deputación de Lugo, a través da figura do seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou hoxe o pasamento de Adolfo Suárez González, Presidente do Goberno de España entre os anos 1976 e 1981, aprobando unha declaración institucional como mostra de distinción e respecto á súa figura, e para transmitir o pesar e as condolencias da Corporación provincial á familia do ex-Presidente.

O Presidente da institución luguesa quixo lembrar a figura de Suárez, “de recoñecido prestixio e dunha traxectoria absolutamente intachable”, que foi quen de protagonizar o paso da ditadura á democracia “no que se desenvolveu como un verdadeiro protagonista activo”. Besteiro destacou que “os valores que se recoñecen na figura de Adolfo Suárez son os que deben estar hoxe moi presentes na vida política de España e de Galicia”, subliñando o feito de que “a través do consenso, do diálogo e da reciprocidade foi quen de facer chegar a acordos a partes que eran, aparentemente, irreconciliables”.

Gómez Besteiro engadiu que “Suárez representa o triunfo dunha xeración que loitou para que a democracia voltara a España, e o seu legado permanecerá vivo na mente de todos os españois e demócratas”.

Declaración institucional

A Xunta Extraordinaria de Voceiros da Deputación, reunida este luns a instancias do Presidente, acordou aprobar a mencionada declaración institucional para transmitir o pesar e as condolencias da Corporación provincial ós seus fillos e familiares, así como os seus amigos e achegados, polo falecemento do que fóra figura clave na historia de España, recoñecendo o seu labor “por facer posible a transición da ditadura á democracia, buscando o consenso e sempre con respecto á diversidade territorial”.

Dita declaración destaca a grande responsabilidade exercida polo ex-Presidente Suárez, ó “desmontar as estruturas franquistas e impulsar unha profunda reforma política, social e económica, que deu lugar ó Estado das autonomías e abriu o maior período democrático da historia de España”, destacando os valores de reciprocidade, diálogo e consenso cos que Suárez dirixiu o país.

Do mesmo xeito, a Deputación de Lugo súmase ós tres días de loito nacional decretados, tal e como recolle o Boletín Oficial do Estado, entre as 00:00 horas de hoxe e as 24:00 horas do día 26 de marzo, durante os que as bandeiras ondearán a media hasta en sinal de dó.