Deputación de Lugo

Lara Méndez entregou os diplomas acreditativos ós 15 desempregados lucenses participantes no curso Auxiliar de Enfermería en Xeriatría

A Vicepresidenta Segunda entregou hoxe os diplomas acreditativos ós alumnos, que recibiron preto de 400 horas de formación teórica e 50 horas de formación práctica en prestixiosas empresas do sector

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, fixo entrega este mércores dos diplomas acreditativos da asistencia e o aproveitamento ós 15 beneficiarios da acción formativa Auxiliar de Enfermería en Xeriatría, impartida pola institución provincial. Entre os meses de xullo e outubro do pasado ano, 15 lucenses desempregados accederon de xeito gratuíto a preto de 400 horas de formación teórica e práctica en coidados ós maiores, un dos sectores de mellor inserción laboral hoxe en día, especialmente nunha provincia coma Lugo, onde o 28% da poboación é maior de 65 anos, fronte ó algo máis do 17% de media do país, preto do 50% dos cales son dependentes.

Precisamente Méndez destacou que os empregos relativos á prestación de coidados sociosanitarios - os chamados empregos brancos- “seguen a ofrecer amplas oportunidades laborais para os coidadores profesionais cualificados e, en particular, para aqueles que dispoñen de formación e capacitación práctica, o que lles permite traballar por conta propia ou allea, en empresas que prestan servizos deste tipo”. De feito, dende o comezo da crise, a demanda deste tipo de profesionais incrementouse en preto dun 6% e ata o 2015 prevese a xeración de preto de 200.000 postos de traballo neste eido.

A Vicepresidenta lembrou a partida económica de 2,2 millóns de euros para servizos sociais que mantén a Deputación no 2014, que continúa coa execución da rede pública de residencias para a terceira idade con centro de día por toda a provincia, “apostando polo benestar social de todos os lucenses, con independencia do seu lugar de residencia”.

Formación teórica e prácticas en empresas

O curso Auxiliar de Enfermería en Xeriatría é clave para poder continuar o itinerario formativo na familia profesional denominada “Servizos á comunidade” para aquelas persoas que carecen das Competencias Clave ou da titulación mínima esixida de Formación Profesional de I Grao ou equivalente, xa que ós participantes só se lles esixía posuír o Certificado de Escolaridade.

Os alumnos dispuxeron dun equipo de formadores de calidade, composto por profesionais de diferentes disciplinas coma Fisioterapia ou Enfermaría, e técnicos especializados en inserción laboral que complementaron os contidos específicos do curso con outros de carácter xeral e práctico enfocados á busca de emprego, ben de xeito presencial ou ben co uso de ferramentas web.

Unha vez finalizada a parte teórica, a formación complementouse con prácticas en cinco recoñecidas empresas do eido sociosanitario, o que permitiu ós beneficiarios aplicar os coñecementos adquiridos e contar cunha experiencia previa que pasará a formar parte do seu currículo de cara á súa futura inserción laboral.