Arrincan os Obradoiros Infantís de Semana Santa do Centrad
As instalacións do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo acollen dende hoxe unha nova edición dos Obradoiros Infantís de Artesanía, unha iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo para dar a coñecer o patrimonio cultural lucense entre os máis novos e axudar a conciliar a vida familiar e laboral durante as épocas de lecer escolar.
Nesta ocasión, 45 rapaces de 5 a 15 anos participan dende hoxe e ata o vindeiro día 16 en tres obradoiros con temáticas especialmente adaptadas ás idades dos participantes. Os nenos de 5 a 8 anos estarán tomando parte no Obradoiro de xoguetes musicais e pequenos instrumentos, no que o 15 participantes achegaranse á tradición musical galega ó tempo que se inician nos traballos musicais construíndo os seus propios xoguetes sonoros. Para isto, empregan elementos coma canas, goma, globos e outros materiais de refugallo.
Os nenos de 9 a 11 anos teñen á súa disposición o Obradoiro de construción de monicreques de luva, no que aprenderán a confeccionar o seu propio monicreques con calcetíns e outros materiais coma goma, feltro ou papel de xornal. Pola súa banda, os rapaces de 12 a 15 anos pasarán estes días aprendendo a facer o seu propio scrapbook, un libro de recordos, no que as súas fotografías adquirirán outro valor ó enriquecerse con debuxos, lazos ou telas.
Estes 45 nenos, que cubren a totalidade das prazas ofertadas, tomarán parte os vindeiros tres días, entre as 9:00 e as 14:00 horas, nunhas actividades que lles permitirán gozar dun tempo de ocio diferente, coñecendo rapaces da súa idade procedentes de toda a provincia, ó tempo que coñecen parte da súa tradición cultural e as familias contan cunha alternativa que lles permite conciliar a vida familiar e laboral durante os días de vacacións escolares.