Deputación de Lugo

O Presidente avoga por dotar ós montes comunais dunha “especial protección legal” que permita a súa xestión sustentable

- Gómez Besteiro inaugurou o V Congreso Galego de Comunidades de Montes, que se celebra hoxe en San Marcos coa participación dunhas 200 persoas, chegadas de toda Galicia e tamén de Asturias - O Presidente lamentou que a vixente Lei de Montes de Galicia “parece ter máis intención de especular con estes bens comúns que facilitar que as comunidades de montes poidan poñer en valor e aproveitar as súas terras en beneficio de todos” - “Galicia conta co territorio forestal máis produtivo da UE, cun millón e medio de hectáreas, e os nosos montes teñen un inmenso potencial: son zonas de produción de castañas, micolóxica e de biomasa, destino turístico e garante da biodiversidade”, recalcou Besteiro  

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este sábado o V Congreso Galego de Comunidades de Montes apostando por dotar a estes terreos comunais dunha “especial protección, unha lexislación que amose unha especial sensibilidade para favorecer na medida do posible os mecanismos que permitan a súa xestión sustenbable”. Xunto a Gómez Besteiro, no acto de apertura de encontro, que se desenvolverá durante toda a xornada de hoxe en San Marcos baixo o título Monte Veciñal: Organización e Xestión, estiveron Xosé Alfredo Pereira Martínez, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, e Antonio Cagide, presidente do congreso, entre outros. Na cita participan unhas 200 persoas chegadas de toda Galicia e tamén de Asturias.

Gómez Besteiro lamentou que, fronte á especial protección que “todos os comuneiros que estades aquí tedes claro que merecen estes terreos, a vixente Lei de Montes de Galicia do 2012 parece ter máis intención de especular con estes ben comúns que facilitar que as comunidades poidan poñer en valor e aproveitar as súas terras en beneficio de todos”.

O mandatario provincial subliñou neste senso a gran importancia do sector: “Contamos co territorio forestal máis produtivo de toda a Unión Europea, grazas a un millón e medio de hectáreas, o que convirte á explotación forestal nun sector especialmente relevante, dando emprego a máis de 15.000 persoas, e xerando un volume de negocio de máis de 300 millóns anuais, que aumentan ata os 1.600 millóns e os 23.000 traballadores se incluímos a industria da transformación da madeira”.
 
“O potencial dos montes galegos é inmenso”, engadiu, “son zonas de produción de castaña; de produción micolóxica e de produción de biomasa; son destinos para o turismo de natureza; de aventura; son refuxio de especies únicas animais e vexetais e de moitas das nosas razas autóctonas”. O Presidente tamén incidiu na “relación inequívoca e inversamente proporcional entre a riqueza que xera un monte e os incendios; canto máis produce, menos arde”, así como na “substancial diferencia entre a media de 0,22 hectáreas que teñen as parcelas de monte de titularidade privada e as de propiedade comunitaria, con máis de 230 hectáreas de media”.

O Presidente destacou a cualidade dos montes como bens públicos a preservar e poñer en valor lembrando o que dicía a propia Deputación no século XIX nun estudo sobre a situación dos montes tras as sucesivas amortizacións: “La propiedad de los montes no pertenece a nadie exclusivamente, su aprovechamiento es de todos los vecinos, y este derecho es tan antiguo como la sociedad”.