Deputación de Lugo

Xoguetes musicais, monicreques e scrapbooking para nenos nos obradoiros gratuítos de Semana Santa do Centrad

Imaxe deputación de lugo
O prazo de inscrición para os cursos de construción de instrumentos musicais, elaboración de monicreques e creación de libros de recordos ábrese hoxe, 2 de abril Están dispoñibles 45 prazas para nenos de 5 a 15 anos e os obradoiros desenvolveránse entre as 9:00 e as 14:00 horas nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño As inscricións poderán facerse ata o vindeiro 8 de abril, presentando as solicitudes por escrito no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo. Máis información en www.deputacionlugo.org

Os Obradoiros Infantís de Artesanía do Centrad chegan unha nova edición. Dende hoxe e ata o vindeiro día 8 de abril, as familias interesadas xa poden presentar as solicitudes de inscrición nalgunha das 45 prazas gratuítas dispoñibles. Deste xeito, a Deputación de Lugo pón a disposición dos pais, un ano máis, unha ampla programación de actividades gratuítas para os máis novos, de xeito que as familias poidan contar co maior número posible de alternativas que axuden a conciliar a vida familiar e laboral durante as épocas de lecer escolar.

Nesta ocasión serán 3 cursos gratuítos que ofrecerán un total de 45 prazas para rapaces de 5 a 15 anos, e que versarán sobre diferentes materias: a construción de xoguetes sonoros e instrumentos musicais, a elaboración de monicreques e a creación dos cada vez máis populares scrapbooks, para os nenos de máis idade.

Estas actividades adoitan acadar un enorme éxito en cada convocatoria, tanto na de Semana Santa, como nas Nadal e verán, e así o amosan as consultas das familias que ano tras ano se interesan por saber canto antes as datas e materias dos cursos, e que felicitan ós seus responsables polo ambiente de creatividade e de ocio educativo, que ademais que permite a nenos de idades similares, procedentes de diferentes puntos da provincia, se relacionen dun xeito diferente, tal e como destacou Regina Polín, Deputada da Área de Deseño e Artesanía.

Música, monicreques e libros únicos

Esta Semana Santa, as familias terán á súa disposición 3 cursos didácticos, totalmente gratuítos, dirixidos a nenos de 5 a 15 anos, que se desenvolverán nas instalacións do Centrad, na travesía da rúa Chantada da capital luguesa, os días 14, 15 e 16 de abril. O seu contido está adaptado ás idades dos nenos participantes:

- obradoiro de xoguetes musicais e pequenos instrumentos para nenos de 5 a 8 anos. Neste obradoiro achegaránse á tradición musical galega ó tempo que se inician nos traballos manuais, construíndo os seus propios xoguetes musicais.
Empregarán para tal fin materiais como canas, goma, globos e materiais de refugallo.

- obradoiro de construción de monicreques de luva para nenos de 9 a 11 anos. Deseñarán e elaborarán o seu propio monicreque con calcetíns e outros materiais como goma, feltro ou papel de xornal.

- obradoiro de scrapbooking para nenos de 12 a 15 anos. Terán a oportunidade de aprender a confeccionar o seu propio scrapbook, os populares “libros de lembranzas”, nos que os rapaces darán ás súas fotografías e lembranzas un valor engadido, creando composicións con pintura, lazos, telas e outros materiais.

Son, pois, 3 cursos con 15 prazas cada un deles, 45 prazas en total, para nenos de 5 a 15 anos. Un 15% destas prazas está reservada para nenos con necesidades especiais.

En canto ó horario, os obradoiros darán comezo ás 9:00 horas e prolongaranse ata as 14:00 horas. No caso dos rapaces con necesidades especiais, coma en anteriores edicións, haberá flexibilidade en canto á idade e ós horarios para que aproveiten ó máximo a experiencia.

Inscrición

A inscrición poderá facerse dende hoxe mesmo, 2 de abril, ata o vindeiro 8 de abril no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo, onde se deberá presentar a solicitude cuberta acompañada dun xustificante de que os pais, nais ou titores están a traballar. Poderase descargar dito modelo de solicitude na páxina www.deputacionlugo.org ou directamente no Rexistro. As inscricións faranse por rigorosa orde de solicitude, aínda que terán preferencia os rapaces cuxos proxenitores traballen e os que quedasen fóra de convocatorias anteriores.