Deputación de Lugo

Gómez Besteiro destaca o compromiso da Deputación co emprego de calidade ó impoñer claúsulas sociais nos contratos

- O Presidente recibiu no Pazo provincial ós ó redor de 300 participantes no III Encontro Galego de Xubilados de UGT- “Fronte a iniciativas como a reforma laboral, que ademais de atentar contra os dereitos laborais, busca debilitar ós sindicatos, é preciso reivindicar o seu protagonismo indispensable na negociación colectiva e no diálogo social”, subliñou Besteiro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este sábado nos xardíns de San Marcos ós ó redor de 300 participantes no III Encontro Galego de Xubilados de UGT, un encontro no que destacou o compromiso do goberno provincial co emprego de calidade ó impoñer cláusulas sociais que blindan os dereitos dos traballadores de tódalas contratas de servizos. “A primeira distribución da riqueza faise no traballo, cos convenios colectivos, e consolídase na sociedade. Somos unha institución progresista que prioriza os problemas das persoas, cre firmemente nun emprego de calidade e loita por un desenvolvemento económico sostible, xusto dende o ámbito máis próximo ós veciños”, asegurou Gómez Besteiro.

O Presidente concretou este compromiso en “feitos”: Dende hai sete anos “levamos alcanzando acordos amplamente maioritarios cos representantes sindicais dos traballadores nun ambiente de bo entendemento e esforzo conxunto; hai tan só uns días avanzamos que os empregados públicos desta institución recuperarán coa nómina de xullo a parte proporcional da paga extra de Nadal de 2012 que o Goberno central lles arrebatou; este ano  dispoñemos dun investimento de preto de 13 millóns de euros para desenvolver plans de emprego, e somos a primeira Deputación de España e a primeira administración pública de Galicia que impón cláusulas sociais para blindar os dereitos dos traballadores das contratas de servizos”.

Nesta defensa dos dereitos laborais, Gómez Besteiro reivindicou “o papel que xogan os sindicatos. Son tempos moi difíciles para unhas organizacións que, precisamente, son indispensables para garantir o Estado do Benestar, un emprego de calidade, a estabilidade laboral, a igualdade de oportunidades, a eliminación da fenda salarial entre homes e mullerse ou o sistema de pensións”.

“Fronte a iniciativas como a reforma laboral, que ademais de atentar contra os dereitos da clase traballadora, busca debilitar e agraviar ós sindicatos, é preciso reivindicar o seu protagonismo indispensable, recoñecido na propia Constitución, na negociación colectiva e no diálogo social. Os sindicatos son necesarios para a sociedade e en tempos de crise, máis aínda”, sinalou o Presidente.