Deputación de Lugo

Condena “clara e contundente” na Deputación de Lugo ó asasinato de Isabel Carrasco

O Presidente expresou “o total rexeitamento a calquera tipo de violencia, sempre inxustificada e sen sentido. Nunca a violencia é resposta para nada”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, a Delegada Territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, xunto a outros Rexedores, Deputados e Concelleiros lucenses, participaron este martes no minuto de silencio organizado diante do Pazo de San Marcos en sinal de dó polo asasinato de Isabel Carrasco, Presidenta da Deputación de León. 

Gómez Besteiro expresou a “condena clara e contundente” a este brutal acontecemento, ó tempo que amosou “o total rexeitamento a calquera tipo de violencia, sempre inxustificada e sen sentido. Nunca a violencia é resposta para nada”, remarcou.

O titular provincial expresou a “solidariedade e apoio a familia, amigos e compañeiros” de Isabel Carrasco. Representantes do Goberno Provincial participarán esta tarde en León no funeral da Presidenta.