Deputación de Lugo

Gómez Besteiro clausura o #INLUGO14 coa entrega a 4 profesionais lucenses dos premios que recoñecen o bo uso da internet e as TIC

- Mi Pequeño Vestidor, na categoría de Comercio, Ocio e Restauración; Karmah Yoga & Meditación, na de Educación e Formación; Cool Films Galicia, na de Cultura e Social; e Vamos a Vidas, na de Tecnoloxía, foron galardoados entre o medio cento de proxectos presentados ó certame - Unha trintena de recoñecidos persoeiros do mundo dixital participaron no II Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais, que foi seguido en San Marcos por unhas 250 persoas, ás que se sumaron varios centos a través das redes sociais e a retransmisión en streaming - O Presidente adiantou que o encontro reeditarase o vindeiro ano e  animou ós participantes a facer suxerencias para mellorar

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou esta tarde o congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO14 coa entrega dos premios cos que o organismo lugués recoñece iniciativas, persoas e organizacións da provincia polo bo uso da internet, as novas tecnoloxías e as redes sociais. Entre o medio cento de candidaturas presentadas na edición deste ano, os 4 profesionais gañadores son os seguintes:
 
- Mi Pequeño Vestidor, na categoría de Comercio, Ocio e Restauración, polo uso das novas tecnoloxías e as redes sociais para estar en contacto permanente e ofrecer un servizo continuo ós clientes da tenda, ademais de facer máis cómodas as compras, axeitadas as demanda e as necesidades do público. A páxina de facebook (www.facebook.com/mipequenovestidor), que conta con 8.300 seguidores en soamente dous anos de vida, é unha ferramenta de promoción e venda, ó igual que a súa web www.mipequeñovestidor.es

- Karmah Yoga & Meditación (www.karmayoga.es), na categoría de Educación e Formación,porque usa as redes sociais e internet como feramenta esencial para o funcionamento do negocio. Conta con máis de 3.600 seguidores en Facebook, Twitter, Google+ e Instagram, ademais de utilizar outras redes sociais como Menéame, Red Facilísimo e Pinterest. O seu blog rexistrou 250.000 visitas en tres anos.

- Cool Films Galicia (www.coolfilmsgalicia.com), na categoría de Cultura e Social, por utilizar fundamentalmente as novas tecnoloxías para a pomoción das súas producións, cine feito en Lugo e na súa provincia con éxito de crítica e público. Ademais, veñen de dar un salto ó ámbito internacional ó proxectarse en centros galegos de todo o mundo a súa longametraxe O Crime da Legua Dereita.

- Vamos a Vidas (www.vamosavidas.com), na categoría de Tecnoloxía, un proxecto pioneiro e, ata fai un par de meses, único, que cubre un oco que existía na provincia: o da difusión de vídeoxogos. En 2012 inauguraron a plataforma que pretenden se converta no referente da promoción de vídeoxogos, cunha web actualizada con contido propio e varios vídeo-podcasts semanais.

Gómez Besteiro avanzou na clausura que o congreso de redes sociais impulsado pola Deputación reeditarase o vindeiro ano. “Xa estamos pensando con moita ilusión no #INLUGO15”, asegurou, ó tempo que animou ós participantes a “axudarnos e facer propostas para mellorar”.

Con esta segunda edición que vén de clausurarse, o #INLUGO consolídase como unha plataforma única para promocionar a provincia no exterior. Unha trintena de recoñecidos persoeiros do mundo dixital participaron no encontro, que foi seguido en San Marcos por unhas 250 persoas, ás que se sumaron varios centos a través das redes sociais e da retransmisión en streaming na web www.deputacionlugo.org grazas ó traballo de profesionais e bolseiros da Fundación TIC.

O #INLUGO, impulsado pola Deputación co fin de fomentar o uso da rede e das novas tecnoloxías entre tódolos sectores da poboación e reflexionar sobre as implicacións que ten na vida diaria, é xa un encontro de referencia en Galicia debido ó seu éxito de convocatoria e ó prestixio e proxección dos particiantes, entre os que estiveron nesta ocasión o xornalista, escritor de éxito e corresponsal de guerra Ramón Lobo.