Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación esixirá á Xunta que cumpra coas súas obrigas legais no Cuartel de San Fernando

Imaxe deputación de lugo
- O Goberno Provincial leva unha moción ó Pleno do martes, instando ó Executivo galego a que asume o mantemento deste Ben de Interese CulturaI e inicie as xestións necesarias para poder reconvertelo no Museo da Romanización - Feijóo non deu un só paso na posta en valor destas instalacións, posto que nin asinou a escritura da súa recepción, nin asumiu a súa conservación, tendo todo pendente dende 2009

O Goberno Provincial presentará unha moción ó vindeiro Pleno da Deputación, que terá lugar este martes 24 de xuño, esixindo á Xunta que cumpra coas súas obrigas legais no antigo Cuartel de San Fernando. Estas son as seguintes: facerse cargo do seu mantemento, como administración responsable da conservación dos Ben de Interese Cultural (BIC); e impulsar a súa reconversión no Museo da Romanización, iniciando as xestións necesarias para que así sexa, en base ó acordo entre Concello de Lugo e Xunta de Galicia. O Executivo de Feijóo non deu un só paso na posta en valor destas instalacións e incumpre coas súas responsabilidades dende a súa chegada á administración autonómica.

“O antigo Cuartel de San Fernando, situado en Lugo, leva numerosos anos abandonado por parte da Xunta de Galicia. Esta situación fai que cada vez sexa máis custosa a restauración do edificio que aspira a converterse nun Museo da Romanización, sendo o epicentro do acervo histórico da cidade de Lugo. Ademais, o abandono está a incidir na seguridade dos viandantes, que ven como se desprenden lousas da estrutura, poñendo en risco a súa integridade”, salienta o Goberno Provincial.

“Dende o ano 1999, o Concello de Lugo tiña previsto adquirir o Cuartel de San Fernando, pertencente ó Ministerio de Defensa, para dotar á cidade de servizos dos que carecía historicamente. Así, nun primeiro momento, a Corporación Municipal entendeu que podía ser unha boa situación para dotar a Lugo dun Auditorio Municipal. Non obstante, pola súa céntrica situación e dado que a remodelación suporían variar notablemente un edificio con máis de dous séculos de antigüidade, buscouse outra localización para o auditorio, quedando destinado o antigo Cuartel de San Fernando a ser o Museo da Romanización”.

“A imprescindible cooperación entre administracións concluíu nun acordo coa Xunta de Galicia para converter o Cuartel de San Fernando no Museo da Romanización, co compromiso da Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. O Concello, pola súa banda, comprou o edificio ao Ministerio de Defensa por 2,4 millóns de euros”.

Nin un só paso de Feijóo
“En 2008, e seguindo coa folla de ruta marcada, o Concello de Lugo cedeu o antigo Cuartel de San Fernando á Xunta de Galicia para que iniciase as xestións pertinentes para transformalo no prometido Museo da Romanización. Non obstante, pasados todos estes anos, a Xunta aínda non asinou a escritura de recepción, pendente dende 2009, nun claro intento de evitar, ou polo menos pospoñer, a creación do Museo”.

“Á manobra partidista do Goberno de Feijóo, súmaselle a responsabilidade patrimonial de conservación, dado que o Antigo Cuartel de San Fernando foi declarado Ben de Interese Cultural mediante o Decreto 359/2009 do 9 de xullo de 2009. As especiais características da construción están reflectidas no DOG do 23 de xullo de 2009, no que se destaca, textualmente, que logo de 225 anos, o Cuartel de Inválidos de San Fernando conserva a estrutura e organización espacial proxectada orixinalmente, constituíndo un exemplo de extraordinaria importancia dentro do capítulo da arquitectura neoclásica, coa particularidade de ser o único acuartelamento que se erixiu na cidade de Lugo na época ilustrada".

“Como no caso das Pallozas de Piornedo, a Xunta esquece as súas obrigas co patrimonio galego a pesares da súa clara protección legal, toda vez que a Lei 8/1995, do 30 de outubro, de Patrimonio Cultural de Galicia, afirma no seu artigo 2, textualmente, que corresponde á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de interese de Galicia.

Acordos
“Por todo o exposto, e ante a evidente desatención das obrigas competenciais da Xunta de Galicia co antigo Cuartel de San Fernando, que está a resultar un proceso de deterioración que compromete tanto a estructura arquitectónica coma a seguridade vial da zona, o Goberno Provincial somete a pleno a seguinte moción”:

1.- Esixir á Xunta de Galicia que cumpra co compromiso adquirido por convenio co Concello de Lugo para facerse cargo do mantemento do Cuartel de San Fernando, cumprindo coa legalidade vixente en materia de patrimonio como esixe a Lei 8/1995, do 30 de outubro.

2.- Instar á Xunta de Galicia a que impulse a reconversión do Cuartel de San Fernando no Museo da Romanización, consignando unha partida nos Orzamentos do vindeiro ano.