Deputación de Lugo

A Deputación destina máis de 130.000 euros ós traballos de roza dos 800 quilómetros de estradas provinciais da Mariña

Imaxe deputación de lugo
- O Deputado de Xestión Territorial lamenta a “descoñecemento e imprudencia” do PP mariñán, pois as tarefas desenvólvense na Costa dende hai unha semana e, como xa estaba previsto, este mesmo xoves arrancarán na praia das Catedrais - O Plan de Roza actívase en tempada estival para previr incendios e optimizar recursos, xa que realizar estes labores con anterioridade suporía a súa dobre execución debido ás condicións metrolóxicas

A Deputación de Lugo inviste máis de 130.000 euros nos traballos de roza dos 800 quilómetros de estradas provinciais que discorren pola comarca da Mariña. O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, lamentou o “descoñecemento e imprudencia” dos representantes do PP mariñán ó criticar a situación das vías de acceso á praia ribadense das Catedrais, pois as tarefas de desbroce desenvólvense dende hai unha semana nos municipios da costa lucense e, tal e como xa estaba previsto, este mesmo xoves arrancarán no entorno do areal ribadense, buque insignia do turismo na Mariña, para “deixalo en perfectas condicións, como facemos cada tempada”.

Martínez informou así mesmo de que xa remataron os labores de roza no concello de Foz e estanse a acometer en Viveiro e Cervo. Os traballos execútanse progresivamente, pois “é imposible levalos a cabo en todos os puntos de todos os municipios de maneira simultánea, xa que temos que atender e actuar nos máis de 4.200 quilómetros de estradas provinciais, a rede máis extensa de España”, sinalou o deputado.

A institución luguesa activou o Plan de Roza cun investimento de 600.000 euros para o conxunto das estradas provinciais. “Como nas anteriores edicións, poñémolo en marcha agora, durante a época estival, para previr incendios e optimizar recursos, posto que realizalo con anterioridade suporía un dobre gasto. Hai que ter en conta que, debido ás condicións metrolóxicas que se rexistran durante esta tempada, facelo antes, obrigaríanos a ter que rozar polo menos dúas veces, duplicando os custes”, remarcou Manuel Martínez.

O Plan de Roza despregou un novo dispositivo na rede viaria de máis de 70 operarios e 50 máquinas. Paralelamente, outros 30 operarios e 25 máquinas, neste caso do Parque Móbil da Deputación, executan o pioneiro plan de mellora da rede viaria provincial, acondicionando con rego asfáltico todos os puntos que así o requiren. Ademais, outros 104 operarios e 64 máquinas, do Plan de Conservación, actúan durante todo o ano de xeito continuado nas vías da institución. En total, a Deputación conta con máis de 204 operarios e 139 máquinas traballando para manter nas mellores condicións os máis de 4.200 quilómetros de estradas luguesas.

Ademais de manter en bo estado as vías e mellorar as comunicacións, por medio destes traballos a Deputación contribúe ó desenvolvemento da economía e ó mantemento de postos de traballo en Lugo, grazas á contratación de 20 autónomos e pequenas empresas da provincia.