Deputación de Lugo

Deputación e USC poñen en marcha un Plan de Choque para impulsar o Campus de Lugo

- Gómez Besteiro e Viaño Rey presentaron un protocolo de colaboración entre ámbalas dúas administracións, na que foi a 1º visita do novo Reitor dende a súa recente toma de posesión - O Presidente e o Reitor acordaron iniciar en Lugo a senda da recuperación de estudantes da USC logo de perder o 50% na última década, sendo “un problema de Galicia” - O Plan de Choque inclúe 13 medidas, que se porán en marcha no curso 2014-2015, como axudas para gastos de matrícula, bolsas de investigación ou a promoción de Lugo como cidade universitaria  

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o Reitor da USC, Juan Manuel Viaño Rey, presentaron este martes o protocolo de colaboración entre Deputación e Universidade para a inmediata posta en marcha dun Plan de Choque en impulso do Campus de Lugo, que inclúe 13 medidas. Fixéronno no Pazo de San Marcos, na que foi a 1º visita de Viaño Rey como Reitor tras a súa recente toma de posesión. Gómez Besteiro agradeceulle que escollese Lugo e o organismo provincial para facer a súa primeira saída, “reforzando os intensos lazos entre ámbalas dúas administracións na procura do desenvolvemento da Universidade”. 

O obxectivo do Plan de Choque é combater “o principal problema da Universidade: a perda de alumnado”, tal e como destacou o Reitor. Viaño Rey apuntou que, na última década, o número de matriculados descendeu nun 50% no conxunto dos Campus da USC, “sendo un problema de Galicia”. O Presidente e o Reitor acordaron iniciar en Lugo a senda da recuperación de estudantes. “O problema demográfico tamén se manifesta na Universidade, polo que temos que axeitarnos á realidade e establecer novas prioridades. A captación de alumnos é a principal”, remarcou Gómez Besteiro.

13 medidas
As 13 medidas do Plan de Choque, que se plasmarán en próximos convenios de colaboración para a súa efectividade no curso 2014-2015 e onde se detallará a cuantía económica que achega cada administración, son as seguintes:

  1. Realización dun plan de promoción de Lugo como cidade universitaria e das titulacións do Campus de Lugo.
  2. Determinación dun plan de bolsas para gastos de matrícula nas titulacións con problemas de demanda.
  3. Plan de captación de estudantes doutras nacionalidades.
  4. Desenvolvemento dun plan de apoio para as prácticas de campo.
  5. Determinación dun plan de bolsas de investigación en grupos.
  6. Fomento das titulacións de Máster.
  7. Potenciación para a realización de cursos de verán na provincia de Lugo.
  8. Estudo sobre a posibilidade de utilizar a Granxa Gayoso Castro para a realización de prácticas universitarias.
  9. Impulso da docencia semipresencial ou a distancia mediante a implantación de novas tecnoloxías.
  10. Incentivos de Traballos de Fin de Grao e Traballos Fin de Máster.
  11. Impulso da divulgación científica e a captación de novos talentos.
  12. Estudo sobre a posibilidade de incrementar os fondos existentes na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.
  13. Análise das infraestruturas deportivas e docentes.