Deputación de Lugo

Deputación, Autónomos de Galicia e Universidade de Santiago organizan unha xornada informativa sobre a devolución do céntimo sanitario

- A Vicepresidenta Segunda presentou a xornada, enmarcada no convenio de 60.000 euros asinado pola institución provincial e os autónomos galegos para o impulso de iniciativas conxuntas de apoio ó sector - Méndez destacou a importancia de informar ós autónomos para que fagan valer os seus dereitos e recuperen o que se lles cobrou ilegalmente, logo de que a Deputación “fóra a 1ª Deputación e unha das primeiras administracións galegas en reclamar o cobrado ilegalmente”- A conferencia celebrarase o 25 de xuño ás 20:00 horas no Salón de Actos de San Marcos, e a participación e gratuíta e aberta, só limitada polo aforo. Inscricións no 981 552 385, 902 922 300, ou no enderezo eletrónico administracion@auga.org

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez; o presidente da Asociación de Autónomos de Galicia-AUGA, Lisardo Domínguez, e o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario e co-director da Cátedra de Traballo Autónomo da Universidade de Santiago de Compostela, César García Novoa, presentaron hoxe O céntimo sanitario. Como conseguir a súa devolución dende 2002, a conferencia que o vindeiro día 25 de xuño acollerá o Salón de Actos do Pazo de San Marcos, na que se abordará a problemática da devolución do ilegal céntimo sanitario, así como outros asuntos de interese para o sector dos autónomos.

Tal e como destacou Méndez, esta conferencia forma parte das actividades que AUGA está organizando para informar a todo colectivo afectado polo céntimo sanitario enmarcadas no convenio asinado o pasado febreiro entre Deputación e a Asociación de Autónomos. Este convenio permite a achega, por parte da institución provincial, de 60.000 euros para o impulso de iniciativas conxuntas de apoio ó sector, como accións formativas, conferencias e seminarios, así como outras de atención e asesoramento ós traballadores autónomos de toda a Comunidade. “Os autónomos son piar fundamental da economía desta provincia e deste país, porque son quen realmente xera riqueza e postos de traballo. Os efectos negativos que as políticas de recortes e outras medidas impostas polos Gobernos central e autonómico, como é o caso do céntimo sanitario, están a ter para eles son moi negativos, polo que é primordial poñer en marcha unha batería de medidas que dinamicen o sector”, subliñou Méndez.

A Vicepresidenta destacou a importancia destas xornadas porque, malia que en Galicia hai 215.558 autónomos -36.722 dos cales son lucenses, segundo datos do Instituto Galego de Estatística-, “os afectados son moitos máis. Administracións; comunidades de propietarios de vivendas, etc.; son milleiros de casos, que merecen a resposta máis axeitada, froito de análises individuais, polo que é fundamental a información e o asesoramento que lles poidan prestar expertos como os que tomarán parte nesta xornada”, subliñou Méndez.

Pola súa banda, Lisardo Domínguez quixo agradecer a colaboración prestada polo organismo lugués, “a especial sensibilidade da Deputación de Lugo, que non tiveron outras administracións, para dar rápida resposta ás nosas demandas”, e subliñou que estas xornadas están motivadas pola necesidade de autónomos, e mesmo de pemes, de resolver as numerosas dúbidas que se lles presentaban á hora de reclamar os seus dereitos.

César García Novoa, quen tamén agradeceu a boa disposición de Deputación para colaborar de xeito directo cos autónomos, mencionou algún dos aspectos que se abordarán na xornada do día 25 de xuño, como quen pode reclamar; cales son as vías existentes para reclamar o cobrado ilegalmente entre o 2002 e o 2013, ou cales son os medios de proba de consumo admitidos.

A de Lugo, a 1ª das deputación galegas en  reclamar
Lara Méndez lembrou que a propia Deputación de Lugo foi 1ª deputación, e unha das primeiras administracións, de Galicia, en esixir a reposición “do que legalmente lle pertencía, polo que agora é o momento de prestar a nosa colaboración para que os autónomos tamén fagan valer os seus dereitos” ante os Gobernos central e autonómico.

De feito, o mes de abril o Pleno acordou, a proposta do Goberno Provincial, instar á Axencia Estatal Tributaria a devolver o céntimo sanitario por ser un ingreso indebido, declarado ilegal polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea, e reclamando á Xunta de Galicia que cuantificara, cal era o importe do gravame susceptible de ser reembolsado, ademais de esixir a Feijóo o inicio de todas as xestións necesarias para garantir o reintegro do Imposto de Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos no menor tempo posible, clarificando as canles necesarias para solicitar o seu reembolso.

A conferencia celebrarase o vindeiro día 25 de xuño, a partires das 20:00 horas, no Salón de Actos de San Marcos. A participación está aberta a todos os públicos, malia que está especialmente pensada para os autónomos. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ós teléfonos 981-552-385, 902-922-300, ou ben mediante correo electrónico ó enderezo administracion@auga.es, xa que se ben a participación é gratuíta e libre, o aforo é limitado.