Deputación de Lugo

13 toneladas de tapóns de plástico para un cheque solidario entregado hoxe a Saúl Cancio

- Gómez Besteiro participou no acto de entrega do cuarto cheque de 2.600 euros da iniciativa Os tapóns dan vida e coidan o medio ambiente, coa que colabora a Deputación de Lugo - A Deputación de Lugo vén de colaborar con Saúl a través da Fundación TIC, elaborando material audiovisual para difundir por Internet e redes sociais e axudar a recadar fondos para o seu tratamento

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este martes no acto de entrega dun novo talón, o cuarto, conseguido coa iniciativa solidaria Os tapóns dan vida e coidan o medio ambiente, posta en marcha pola Fundación Puro Cora e coa que colabora a institución provincial, xunto con outras institucións e asociacións lucenses. Esta campaña naceu para axudar a rapaces con enfermidades ou trastornos graves ó tempo que contribúe á conservación do medio favorecendo a reciclaxe de plásticos. Neste caso, ó igual que nas tres entregas anteriores a outros tantos nenos, un comité de expertos formado por un médico, unha psicóloga, unha farmacéutica e unha traballadora social, valorou os casos e decidiu que o beneficiario sexa Saúl Cancio, un neno de 6 anos nacido cunha enfermidade rara que lle impide camiñar.

Os lucenses prestaron novamente a súa colaboración a esta iniciativa solidaria, conseguindo reunir 13 toneladas de tapóns de plásticos que foron vendidos á empresa Contemar por 2.600 euros, o importe do cheque que hoxe se lle entregou á familia do pequeno nun acto no que, ademais de Gómez Besteiro, estiveron presentes a Concelleira de Asuntos Sociais, Ana González Abelleira; a Presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Lugo, Ana Prieto; o Presidente de Apsnais, José Reigosa; o Presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Ceao, Ángel López Lugilde; o director de PRELO, Manuel López; o director de Recikla2, Antonio Fernández; o director de Reciclaxes CONTEMAR, Miguel Abel Real, e a Responsable do Banco de Tapóns de Lugo, Teresa Sanjuán.

Todas estas entidades, asociacións e empresas colaboran na campaña co fin de axudar a mellorar a calidade de vida das persoas que posúen algún problema grave que lle impide desenvolver unha vida con normalidade, con especial atención á infancia.

Esta non é a única colaboración da Deputación de Lugo coa familiar de Saúl Cancio. De feito, a pasada semana Gómez Besteiro, Presidente da Deputación e da Fundación TIC, facía entrega do material audiovisual gravado e editado por alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son co apoio do persoal técnico da Fundación TIC, para a súa difusión en Internet e redes sociais e sumar apoios á campaña Caminando con Saúl Cancio, coa que se están a recadar fondos que axuden á familia a sufragar os costosos tratamentos que poderían mellorar a súa calidade de vida.