Deputación de Lugo

O #INLUGO14, un referente en España das redes sociais

- O hashtag #InLugo logrou superar un millón de usuarios e case 9 millóns de impresións, sendo Trending Topic durante a fin de semana - O Congreso foi seguido por preto de 1.600 persoas en directo a través da plataforma YouTube Live e a web do evento alcanzou preto de 30.000 visitas - O #InLugo serviu, novamente, como escaparate da provincia no exterior, xa que a web www.inolugo.com recibiu visitas dende diversos puntos de España e países como Estados Unidos, Perú, México, Arxentina ou Reino Unido

O II Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO14, organizado pola Deputación de Lugo, que xa é o encontro sobre Internet máis importante de Galicia, logrou superar o éxito da convocatoria do 2013, converténdose nun congreso de redes sociais referencial en España. 

O hashtag #inlugo14 foi Trending Topic a nivel nacional, é dicir, un dos temas máis comentados en Twitter durante toda a fin de semana, ó alcanzar preto dun millón de usuarios e case 9 millóns de impresións, o que supón un incremento de preto dun 150% respecto á pasada edición.

O éxito do Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais non só se viviu na rede social Twitter, senón que a páxina web do Congreso, www.inlugo.com, rexistrou preto de 30.000 visitas de 9.500 usuarios diferentes en pouco máis de 10 días. Os usuarios que accederon a dita páxina estaban afincados, fundamentalmente, na cidade de Lugo, seguida de Madrid, A Coruña e Vigo. A web alcanzou visitas dende 10 países distintos, dos que cabe destacar que 228 dos usuarios se atopaban en Estados Unidos, 112 en Perú, 88 en México ou 61 en Reino Unido.

Os tuits con maior repercusión foron os de @policia, con 454 retweets, seguidos por Ramón Lobo (@ramonlobo), que alcanzou 202 retweets, @in_lugo, con 94 retweets e o Presidente da Deputación (@jrgomezbesteiro), con 71 retweets.