Deputación de Lugo

O Incio acolle hoxe as actividades lúdico deportivas e gratuítas do Lugoteando da Deputación

- De 15:00 a 20:00 horas haberá as seguintes actividades na praza da Cruz do Incio: segway, skate a motor, longskate, paddle surf, bolas ou patinetes acuáticos - A praia fluvial da Pobra do Brollón recibirá mañá domingo ó Lugoteando, con outras 100 prazas gratuítas que se poden solicitar en www.deputacionlugo.gal e no 982-260-147 - Xa está aberto nas mesmas canles a inscrición para as actividades do Lugoteando en Burela, Guitiriz, Vilalba, Fonsagrada e Lugo. Hai outras 500 prazas gratis

A praza da Cruz do Incio acolle hoxe, de 15:00 a 20:00 horas, as actividades lúdico deportivas e gratuítas do programa Lugoteando da Deputación, logo do éxito acadado no Valadouro, onde participaron preto de 90 persoas. O organismo provincial, que aposta polo ocio medioambiental como oportunidade económica da provincia, ofrece esta tarde 100 prazas para que persoas de todas as idades participen, a custe cero, nas seguintes actividades:

  • terrestres: segway, un transporte lixeiro de dúas rodas no que o usuario utiliza o peso do corpo para manexalo e que se impulsa a motor silencioso e non contaminante, skates a motor, táboas de skateboard que conta cun motor eléctrico respetuoso co medio ambiente; ou o longskate, variante do skate, pero máis longo do habitual que se emprega normalmente para descender costas, derrapar ou simplemente como medio de transporte.
  • acuáticas: paddle surf, forma de desprazamento na que o navegante vai cun remo sobre un táboa de surf, bolás acuáticas, pelotas de plástico transparente coas que se pode camiñar sobre a auga; ou patinetes acuáticos, pequenas embarcacións ideais para os máis cativos.

Mañá na Pobra do Brollón
Despois da xornada de hoxe no Incio, a Deputación leva mañá, domingo 17, as actividades do Lugoteando á praia fluvial da Pobra de Brollón. Outras 100 persoas poderán gozar, sen custe algún, das actividades terrestres -segway, skates a motor e lonskate- e acuáticas              -paddle surf, bolas ou patinetes acuáticos-. Para participar é preciso inscribirse en www.deputacionlugo.gal e no 982-260-147. Os menores de idade deberán presentar unha autorización firmada polos pais ou titores, que se pode descargar na web da Deptuación. No caso de quedar prazas libres, os interesados poderán inscribirse antes de comezar as actividades no propio lugar onde se celebren.

Tamén está aberto o prazo de solicitude para as seguintes actividades do Lugoteando nas mencionadas canles (www.deputacionlugo.gal e 982-260-147). O calendario é o seguinte:

  • 23 de agosto: Burela, na praia urbana.
  • 29 de agosto: Guitiriz, na praia fluvial de Parga.
  • 5 de setembro: Vilalba, no complexo da Magdalena.
  • 7 de setembro: A Fonsagrada, na Praza do Concello.
  • 6 e 7 de setembro: Lugo, na área recreativa de Los Robles.

Son outras 500 prazas gratuítas (100 por Concello).

Deste xeito, a Deputación leva o Lugoteando a todas as zonas da provincia (Sur, centro, Costa e Montaña), sendo, no seu conxunto, un total de 700 as prazas ofertadas a custe cero.

Esta é a 5º edición desta programación, coa que a institución aposta polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas. Lugoteando potencia o ocio medioambiental e o turismo, ó tempo que contribúe a impulsar negocios lucenses de diferentes sectores –hostalería, gastronomía, deportes e multiaventura, etc.-, mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación.