Deputación de Lugo

Esgotadas as prazas para a ruta Andaina nocturna: seres mitolóxicos, que organiza o Centro de Interpretación Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
- 20 nenos e adultos percorrerán a zona do Rato nunha actividade que arrinca mañá ás 21:30 horas  e que levará ós seus participantes a coñecer máis da relación entre mitoloxía galega e natureza- A axenda do Centro de Interpretación continúa en agosto e setembro con máis actividades pensadas para públicos de todas as idades. Máis información e inscricións en www.deputacionlugo.gal ou no 982 227 812

Un total de 20 adultos e nenos tomarán parte este martes, entre as 21:30 e as 23:30 horas, en Andaina nocturna: seres mitolóxicos, actividade organizada pola Deputación de Lugo a través do Centro de Interpretación Terras do Miño (CITM). Os participantes percorrerán a zona do río Rato seguindo unha ruta inspirada pola mitoloxía galega. Ó longo de dúas horas, o roteiro levará ós asistentes a descubrir o vencello entre as lendas e contos do imaxinario galego e os elementos da natureza.

Esta actividade enmárcase na programación do terceiro trimestre do CITM, que continúa neste mes e en setembro con novas actividades, como conferencias e obradoiros, especialmente pensados para os máis novos. As actividades son as seguintes:
Xornadas para nenos de entre 5 e 12 anos. Con 20 prazas cada unha. Horario de 11:00 a 14:00 horas:
- 6 de setembro, Pegadas de Animais, actividade que se celebrará entre as 11:00 e as 14:00 horas, cun límite de 20 prazas.
- 27 de setembro, Cociño no Medio Natural, tamén co mesmo horario e número máximo de participantes.
Xornadas para familias:
- 11 de setembro, Andaina nocturna: as lendas da lúa. Con outras 20 prazas. De 21:30 a 23:30 horas.
- 13 e 14 de setembro, Móllate e colle 3, actividade sen límite de prazas, que se celebrará no Caneiro da Tolda, nas Ínsuas de Rábade. O horario da actividade é de 11:00 a 14:00 horas, e de 16:00 a 19:00 horas.
- 21 de setembro, Identificación de flora, de 11:00 as 14:00 horas, cun límite de 40 prazas.
Tamén haberá conferencias:
- O 10 setembro, o Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá a conferencia Estudio De Contaminación Mariña, a cargo do Dr. Tony Butt. 40 prazas. A partires das 19:30 horas.
- O 18 de setembro, terá lugar a derradeira conferencia deste trimestre, denominada Fungos Termófilos, a cargo do Dr. Julián Alonso Díaz. Ás 19:30 horas no Centro de Interpretación Terras do Miño, para un total de 40 persoas.

Os interesados poderán inscribirse e atopar máis información sobre estas actividades na web www.deputacionlugo.gal, ou ben poñéndose en contacto directamente coa Área de Medio Ambiente no 982 227 812