Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolle en primicia a mostra A pegada de San Francisco en Galicia, un percorrido único por 800 anos de historia

Imaxe deputación de lugo
- Regina Polín presentou hoxe esta exposición, que exhibe por vez 1ª no país 40 pezas históricas que ofrecen unha completa visión da influencia da orde franciscana na historia e arte galegas xusto cando se cumpren 8 séculos da súa chegada -A pegada de San Francisco en Galicia inaugurarase o día 3 de setembro e permanecerá aberta ata o 31 de outubro de 2014, para continuar exhibíndose en Santa María do Real do Cebreiro en novembro e na Hospedaría de San Martiño Pinario en decembro- Os horarios de visita son os habituais da Capela: de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas A entrada é completamente gratuíta.

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou hoxe a mostra A pegada de San Francisco en Galicia, unha nova exposición que o Centro de Artesanía e Deseño leva á Capela de Santa María e que recolle, por primeira vez de xeito conxunto, 40 pezas que fan un percorrido pola influencia da orde franciscana en Galicia durante os últimos oito séculos dende moi diferentes puntos de vista.

No acto de presentación, Regina Polín insistiu “na importancia que está a acadar esta Capela no circuíto artístico, e as posibilidades que esta ofrece para darlle un valor engadido ás mostras que aquí se celebran”. A Deputada fixo fincapé no feito de que un mesmo espazo expositivo sexa capaz de acoller coa mesma naturalidade mostras de vangarda, como as de Murado e José Ortiz, con outras como esta que hoxe presentamos, cun marcado carácter histórico”. Polín definiu esta mostra como “espectacular e única, nun escenario único en Lugo, e teño que dicir que para a Deputación e, en particular, para o Centro de Artesanía e Deseño é unha honra acollela en primicia”.

De feito, esta será a primeira vez que todos os obxectos presentes, todos eles de gran valor histórico e artístico, saian dos seus lugares de exposición e depósito habituais para amosarse ó público nunha mostra itinerante. 

40 pezas históricas
Esta mostra exporá por primeira vez de xeito conxunto obxectos moi variados, dende documentos ata pezas históricas como relicarios, prendas, pinturas e esculturas, coas que o visitante poderá facer un percorrido polas pegadas históricas da orde de San Francisco en Galicia. Trátase de 40 pezas procedentes do Convento de San Francisco de Santiago de Compostela, tanto do Arquivo coma da Biblioteca e do Museo de Terra Santa; do Santuario de Santa María do Real e das parroquias do Temple e de Veiga das Forcas, de Pedrafita do Cebreiro, xunto con outros procedentes do Museo Catedralicio de Lugo.

Testamentos orixinais do século XVI; exemplares de biblias dos séculos XV e XVI; relicarios do hábito de San Francisco ou do Lignum Crucis, ou diferentes obras de imaxinería relixiosa, forman parte da mostra.

A mostra completarase coa celebración dunhas xornadas sobre o Santo Grial, que se celebrarán en vindeiras datas na cidade de Lugo e no Cebreiro, lugar que garda unha estreita relación con esta tradición e que abordarán a intensa pegada desta tradición na antropoloxía, a literatura, a música ou a historia.

Horarios da exposición

A pegada de San Francisco en Galicia inaugurarase o día 3 de setembro e permanecerá aberta ata o 31 de outubro de 2014. A seguinte parada será a Igrexa de Santa María do Real do Cebreiro a partires do 6 de novembro para rematar na Hospedaría de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela dende o 12 de decembro. En canto ós horarios de visita na Capela, son os habituais: de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas A entrada é completamente gratuíta.