Deputación de Lugo

Martínez reclama ó PP “que deixe os posados de verán e traballe, esixindo á Xunta a Rolda Leste”

Imaxe deputación de lugo
- O Deputado salientou que “fíxense no intenso labor do Partido Popular por esta provincia, que se dedica a sacar a foto no Paseo do Rato, onde duplicamos a seguridade, en vez de aproveitar a xornada laboral para comprobar as obras pendentes da Xunta na Rolda Leste”- “Prefiren os posados que escoitar ós cidadáns porque non lles interesa que opinen, tal e como xa o demostraron cos Presupostos Participativos. As asociacións veciñais reclamaron en varias ocasións á Xunta a apertura da Rolda Leste, obtendo sempre o “non” por resposta”- “Xogan ó despiste para tentar ocultar que é o PP o único que incumpre coa palabra dada ós lucenses. É a Xunta a que segue sen financiar as obras da Rolda Leste mentres este Goberno Provincial fixo un grande esforzo inversor na mellora do Paseo do Rato”

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, reclamou este mércores ó PP “que deixe os posados de verán e traballe, esixindo ós seus compañeiros de partido na Xunta de Galicia a apertura da Rolda Leste”. Martínez salientou que “fíxense no intenso labor que desempeña o Partido Popular por esta provincia, que se dedica a sacar a foto no Paseo do Rato, onde este Goberno Provincial duplicou as medidas de seguridade, e non aproveitan a xornada, que é laboral, para achegarse á Rolda Leste e comprobar as necesarias actuacións que o Goberno galego do PP debe poñer en marcha, tal e como demandan veciños e institucións. O Partido Popular sae moi caro ós lucenses”.

“Xogan ó despiste para tentar ocultar que é o PP o único que incumpre coa palabra dada ós cidadáns. Saben ben que é a Xunta do Partido Popular a que segue sen financiar as obras para poder abrir ó tráfico a Rolda Leste mentres este Goberno Provincial, cumprindo coa súa palabra, fixo un grande esforzo inversor no Paseo do Rato para garantir a seguridade dos cidadáns, que se vén obrigados a empregar este paseo periurbano para ir ó HULA porque o PP lles nega a Rolda Leste. Non teñen vergoña”, remarcou.

“Prefiren os posados e saír na foto que escoitar ós veciños, posto que non lles interesa que  opinen, tal e como xa o demostraron cos Presupostos Participativos. Pero o certo é que as asociacións veciñais se dirixiron en varias ocasións á Xunta para reclamar a apertura da Rolda Leste, posto que é a conexión principal co HULA dende Albeiros, O Corgo, Nadela, Portomarín..... A única resposta que os cidadáns atopan no Goberno galego do PP é o non; non porque non hai cartos, din. Pero contan cun orzamento máis de 100 veces superior ó desta Deputación, que, escoitando ós veciños e dando resposta as súas reclamacións, e aínda que o Estado recortou nun 30% as transferencias a esta institución, mellorou a seguridade no Paseo do Rato. É falta de vontade”.

Actuacións no Paseo do Rato
O feito de non contar coa Rolda Leste unha vez posto en marcha o HULA, obrigou ós cidadáns a buscar atallos e empregar o Paseo do Rato, que multiplicou por sete o tráfico nos últimos anos, pasando dos 650 vehículos diarios ós máis de 4.500. O voceiro lembrou que “ante a falta de palabra do Goberno galego do PP, que se comprometeu coa Rolda Leste, e co fin de garantir a seguridade no Paseo do Rato”, a Deputación executou un plan de mellora, que supuxo as seguintes actuacións: reposición e reforzo das biondas, así como instalación de bandas redutoras de velocidade e bandas rugosas en 9 puntos da estrada; intensificación da sinalización vertical, tanto de velocidade como de advertencia de perigo, así como as indicadoras de que se trata dun parque periurbano; incremento da sinalización horizontal, tanto das marcas viais do eixo como das de separación de beirarúas; pintado de novas sinais no chan coa limitación da velocidade; colocación de reflectantes e ollos de gato nos laterais da estrada para mellorar a visibilidade pola noite.

Estas actuacións engádense as realizadas con anterioridade, que consistiron na execución dun Plan de Sinalización, que incluíu a colocación de hitos quilométricos, así como de sinais de STOP, curvas perigosas, biondas e protección de motoristas. Tamén se limitou a velocidade a 30 ou 50, segundo os treitos; e se situaron sinais de perigo indefinido, pavimento deslizante, ceda o paso e curvas perigosas.

Estradas “guineanas”
“O Partido Popular debería haber tido a mesma dilixencia durante os 24 anos que estivo á fronte da Deputación, nos que non fixo nada pola rede viaria provincial, a máis extensa de España ó superar os 4.200 quilómetros, deixando estradas guineanas. Este Goberno Provincial tivo que empezar dende cero, facendo un grande esforzo inversor nas comunicación viarias desta provincia. Só este ano, achegamos 21 millóns de euros a súa mellora a través dos plans de Conservación ou da programación que potencia o público, actuando con medios do Parque Móbil na totalidade de vías provinciais dos 67 Concellos”. Estas dúas programacións complementan outras actuacións do Goberno Provincial:

- Multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material.
- Sinalizou os 4.200 quilómetros da rede viaria provincial tras décadas de abandono.
- Colocou máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).
- Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.
- Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.

  • Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.
Instalou 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.