Deputación de Lugo

Lugo convértese na capital de navegación aérea co IX Criterium Aeronáutico

- Deputación e Concello de Lugo colaboran co Real Aeroclub de Lugo neste evento deportivo, que se celebrará entre os días 24 e 27 de xullo, nas instalacións do Aeródromo de Rozas - Santos destacou que “é unha oportunidade única para a provincia, posto que o número de participantes increméntase cada ano, sendo preto de 4.000 persoas as que o fixeron no 2013, pernoctando, comendo e mercando en diferentes establecementos lucenses” - O programa está composto pola popular Volta Aérea, bautismos de aire, exhibicións, circuíto de karts e inchables

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, a concelleira de Cultura, Carmen Basadre, e o Presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira Mayor, presentaron este xoves o IX Criterium Aeronáutico. Este evento deportivo, organizado polo Aeroclub de Lugo coa colaboración de Deputación e Concello de Lugo, celebrarase entre os días 24 e 27 de xullo nas instalacións do Aeródromo de Rozas. “O Criterium Aeronáutico é unha oportunidade económica única para esta provincia, que a Deputación non podía deixar escapar. O número de participantes increméntase cada ano, sendo preto de 4.000 persoas as que o fixeron no ano 2013, pernoctando, comendo e mercando en diferentes establecementos lucenses e, polo tanto, dinamizando a nosa economía. Este é o único Criterium Aeronáutico referencial en España e o único que se se celebra en todo o Noroeste do país, onde os cidadáns poden participar activamente nas múltiples actividades que se levarán o cabo. Por iso, quero convidar a todas as persoas a participar e, por suposto, a coñecer as riquezas da provincia lucense”, destacou o Deputado.

Na mesma liña, Basadre felicitou ó Aeroclub polo esforzo e traballo que leva realizando todos os anos. Ó mesmo tempo, convidou ás familias a aproveitar a oportunidade deste proxecto que acerca outro tipo de deporte á cidadanía e que aposta pola economía da cidade e da provincia.

Pola súa banda, Abelleira agradeceu a colaboración de ambas as dúas institucións luguesas. “Nesta edición, sacrificamos unha parte deportiva para que os visitantes gocen de Lugo. Esta é a nosa maneira de agradecer o apoio de Deputación e Concello” sinalou o presidente do Real Aeroclub de Lugo.

A novena edición desta pioneira xornada de deporte aeronáutico na provincia, consiste na promoción do deporte aéreo nas súas distintas modalidades e disciplinas aeronáuticas: paracaidismo, paramotor, voo acrobático, ultralixeiros, planeadores , voo con motor e aeromodelismo.

As actividades arrancan o xoves, 24 de xullo, ás 16:00 horas, con bautismos de aire (avión, ultralixeiros, acrobático, paracaidismo e globo) e transcorrerán ata pasadas as 20:00 horas.  Estas mesmas actuacións desenvolveranse tamén o venres e sábado, 25 e 26 de xullo, de 09:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas; e o domingo en horario de mañá. O  venres e o sábado, terá lugar a popular volta aérea, que este ano cumpre coa 31 edición, en xornada de mañá o venres, e de tarde o sábado. A continuación, nesta mesma xornada celebrarase a cea de clausura e a entrega de trofeos, a partir das 22:00 horas.  

Durante estes catro días, tamén haberá exhibicións de estática do Instituto Nacional de Técnica Aerospacial, dun helicóptero histórico e do helicóptero da Garda Civil; así como de aeromodelismo, apagafogos e paramotores. Un circuíto de karts de pedais e inchables estarán dispoñibles tamén en todas as sesións para os máis cativos.

Para poder participar en todas estas actividades é necesaria inscrición. Pódese facer, previamente, no enderezo electrónico adminsitracion@aerolugo.es ou no mesmo aeródromo eses días, asinando, para elo un documento de responsabilidade.