Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo renova o seu apoio ao sector primario colaborando un ano máis coas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite

Imaxe deputación de lugo
- A Vicepresidenta Segunda asinou un convenio con Seragro co que a institución provincial achega 6.000 euros para a organización da 12ª edición das xornadas, que terán lugar os días 14 e 15 de novembro na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo - Méndez subliñou que a colaboración co sector primario é especialmente necesaria nun momento no que “os 10.000 produtores de leite de Galicia queredes saber que será do esforzo inversor que fixestes nos últimos tempos para mellorar as vosas explotacións” - O acto de sinatura tivo lugar durante o peche da Asemblea Anual desta Sociedade, que rematou coa visita dos participantes ao Centro Público de Recría da Deputación, que abrirá as súas portas en 2015

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada pola presidenta de Seragro, Noelia García Santoalla; e os veterinarios de Seragro Javier López Vila e José Luis Míguez Vázquez, participou hoxe no peche da súa Asemblea Anual, celebrado no Salón de Actos da Granxa Gayoso Castro. No transcurso do acto, Méndez e García Santoalla asinaron un novo convenio de colaboración da Deputación de Lugo con esta Sociedade Cooperativa, mediante o cal a institución provincial achega 6.000 euros para a organización da 12ª edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite.

Estas xornadas, que cada ano organiza Seragro na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e que este ano terán lugar os días 14 e 15 de novembro, adoitan reunir na cidade a preto dun milleiro de profesionais do sector, atraídos polo nivel dos prestixiosos expertos procedentes de diferentes países que participan.

A Vicepresidenta subliñou que “con esta colaboración axudamos a poñer en valor e profesionalizar o rural, manténdonos sempre ao lado de quen realmente vive do campo”. Méndez destacou, ademais, que esa colaboración “ten máis sentido que nunca en tempos coma estes, nos que as 30.000 persoas que, de xeito directo e indirecto, traballades nun  sector que é piar fundamental da nosa provincia e do noso país, aportando 1,5 do PIB, tedes ante vós retos aos que non vos tedes enfrontando antes”. Pola súa banda, Noelia García Santoalla, agradeceu a xa habitual colaboración da Deputación de Lugo.

Retos do sector primario
A Vicepresidenta avogou pola necesidade de aportar solucións para “os 10.000 produtores de leite de Galicia, máis da metade dos cales sodes lucenses”, que queren “saber que será do esforzo inversor que fixestes nos últimos tempos para mellorar as vosas explotacións”, en alusión a factores como a desaparición dos sistema de cotas en abril de 2015, as multas polo exceso de produción ou a caída dos prezos do leite.

Méndez destacou que, para superar estes retos, “é fundamental poñer en marcha medidas como a modificación do decreto que desenvolve o Paquete Lácteo; a introdución da figura do mediador e de fortes sancións para que a industria non fixe os prezos de xeito unilateral e non impoña contratos á baixa; que a duración mínima do contrato sexa dun ano e se garanta a recollida do leite durante este tempo, ou que o orzamento autonómico para 2015 destine os cartos suficientes para poñer a disposición dos gandeiros a metade das 400.000 hectáreas que a día de hoxe están sen producir na Comunidade. Así mesmo, lembrou que o pasado Pleno provincial vén de acordar esixir á Xunta de Galicia que defenda ante o Goberno central a necesidade destas medidas.

Visita ao Centro de Recría
A xornada rematou coa visita que os asistentes a esta Asemblea realizaron ao Centro Público de Recría de Gando Vacún que a Deputación está a construír no Concello de Castro de Rei. Cun financiamento de 12 millóns de euros que o organismo provincial achega en solitario, o que é un dos proxectos máis ambiciosos da institución luguesa ofrecerá aos gandeiros unhas modernas instalacións con capacidade para 3.000 cabezas de gando que estarán en funcionamento en 2015.

A Vicepresidenta lembrou que “este Centro de Recría contribuirá a reducir notablemente os custes ao evitar a recría no exterior de Galicia; a reactivar a economía provincial, pensen que o volume de negocio anual rondará os 3 millóns de euros, e crear emprego aquí, onde temos unha das facultades de Veterinaria exemplar en España”