Deputación de Lugo

63 mozos da provincia aspiran a ser os novos 50 “Leonardos da Vinci”

Imaxe deputación de lugo
- A Deputación publicou hoxe a listaxe de admitidos destas bolsas, a custe cero, dirixidas a lucenses menores de 35 anos con titulacións relacionadas coa agricultura, silvicultura, pesca, medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida - Os admitidos , que poden consultar a listaxe en www.deputacionlugo.gal ou no taboleiro de anuncios da institución, deberán superar unha proba de coñecemento que terá lugar o vindeiro venres 7 de novembro, no Salón de Actos da Deputación, ás 12:00 horas - 30 dos participantes son de Lugo, 4 de Foz e Sarria, 3 de Viveiro e Pol; 2 de Cospeito e do Vicedo e 1 da Pontenova, Baleira, Baralla, Barreiros, Burela, Castro de Rei, Castroverde, Cervo, Monforte, Navia de Suarna, Ribadeo, Samos, Taboada, Vilalba e Xove

A Deputación publicou hoxe a listaxe de admitidos e excluídos das novas 50 bolsas Leonardo da Vinci, dirixidas a lucenses menores de 35 anos, con titulacións relacionadas coa agricultura, silvicultura, pesca, medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida. A listaxe pódese consultar no taboleiro de anuncios do organismo provincial ou en www.deputacionlugo.gal

Un total de 63 mozos da provincia aspiran ao medio cento de novas becas que ofrece o organismo provincial, a custe cero, grazas aos fondos europeos que captou. Están dotadas de 231.000 euros, financiados nun 70% pola Unión Europea nun 30% con fondos propios cos que asume gastos de desprazamento, aloxamento, manutención, transporte local e cursos de idiomas.

Das 68 persoas que solicitaron as bolsas, foron admitidos 63. Para os que non presentaron correctamente toda a documentación, deberán achegar, nun prazo de 3 días naturais a partir do día seguinte á publicación da listaxe, os documentos necesarios.
 
Cal é o seguinte paso?
Os admitidos agora deberán superar unha proba de coñecemento que consistirá, segundo as bases, na realización por escrito dun cuestionario tipo test de 20 preguntas e media hora de duración, no que se valorarán os coñecementos do aspirante no sector educativo de procedencia aplicado ás características sociais e económicas da provincia luguesa, así como o coñecemento do programa Leonardo da Vinci e doutros proxectos europeos vinculados á Deputación de Lugo. A proba terá lugar o vindeiro venres día 7 de novembro, no Salón de Actos da Deputación, ás 12:00 horas. Os participantes deberán acreditar a súa identidade mediante a presentación do DNI. Máis información no 982-26-02-16 ou en becasleonardo@deputacionlugo.org

63 admitidos, 5 sectores e 22 Concellos
O sector de protección medioambiental e o de viaxes turismo e ocio, copan as 63 solicitudes das bolsas, con 20 cada un. Ségueo o sector de ciencias da vida, con 15 solicitudes, e o de informática e agricultura, silvicultura e pesca, con 4 cada un.

Atendendo ao municipio de procedencia, 30 dos admitidos son do Concello de Lugo, 4 de Foz e Sarria, respectivamente, 3 de Viveiro, e outros 3 de Pol. Do Concello de Cospeito e O Vicedo proceden 2 participantes de cada un. 15 municipios rexistran un participante (A Pontenova, Baleira, Baralla, Barreiros, Burela, Castro de Rei, Castroverde, Cervo, Monforte, Navia de Suarna, Ribadeo, Samos, Taboada, Vilalba e Xove.

310 “Leonardos” lugueses
Con esta nova convocatoria, son 310 as bolsas Leonardo da Vinci postas en marcha pola Deputación na provincia nos últimos tres anos, ou o que é o mesmo, 310 lugueses beneficiados, posto que, como recollen as bases, para optar a unha beca non se pode ter sido beneficiario anteriormente dunha axuda do programa Leonardo da Vinci.

A institución luguesa faino co obxectivo de mellorar a formación dos partipantes, con prácticas en prestixiosas empresas de Europa, para facilitar a súa inserción laboral de volta no país. Teñen unha duración de 3 meses e medio. Nos primeiros 15 días, os beneficiados realizarán cursos de idiomas. Durante 3 meses, farán prácticas en recoñecidas entidades, vinculadas coas súas profesións, de países como Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda, entre outros. Durante todo o proceso, contarán cun titor, que fará un seguimento continuado da súa formación.