Deputación de Lugo

O son dunha arpa marca o inicio dunha nova edición do Artesanfroilán

- Regina Polín inaugurou hoxe a 18ª edición desta mostra, unha das máis rendibles de Galicia, que a Deputación pon en marcha para promover o produto artesán lucense - 25 mestres do artesán -20 deles lugueses- venderán pezas de xoiería, cerámica, coiro, cestería, téxtil, metalistería, maquetismo, ferraría, bixutería, lámpada decorativa, tornaría, pintura, escultura e encaixe de bolillos - Artesanfroilán estará aberta ata o día 12 na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, en horario de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:30 horas. A entrada é de balde

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou a 18ª edición da mostra Artesanfroilán 2014, a feira de artesanía que o organismo provincial pon en marcha, a través do Centro de Artesanía e Deseño, para promover o produto artesán lucense aproveitando a considerable afluencia de visitantes á capital durante os días de celebración do San Froilán, festa de Interse Turístico Nacional. A Deputada percorreu os 25 stands da feira nun acto amenizado polo son dunha arpa, unha peza arranxada no obradoiro de instrumentos musicais do CENTRAD.

Regina Polín, que estivo acompañada polos artesáns participantes, destacou que o Artesanfroilán “é unha oportunidade única para dar conta da riqueza galega, e da luguesa en particular, e para difundila ao exterior”.  A Deputada subliñou ademais o compromiso que ten tanto a Deputación como o CENTRAD cos oficios artesanais dentro da súa aposta pola artesanía como sinal de identidade e atractivo da provincia para xerar riqueza, postos de traballo e fixar a poboación no rural.

25 “artesanfroilanistas”
Os 25 profesionais que contan cun posto no Artesanfroilán foron seleccionados seguindo os criterios sinalados nas bases feitas públicas, tendo en conta a calidade dos traballos, a sostenibiliade, a innovación ou o respecto polo medio ambiente.

Os artesáns que durante 10 días venderán artesanía de calidade na carpa situada na Praza de Anxo Fernández Gómez, a carón da casa consistorial, en pleno centro neurálxico do San Froilán, proceden da provincia de Lugo -(Lugo (6), Viveiro (2), Quiroga (1), Mondoñedo (1), Vilalba (1), A Fonsagrada (2), Ribadeo (2), Monforte (1), Cospeito (1), Palas de Rei (1), Outeiro de Rei (1) e O Courel (1); da provincia da Coruña (3), da de Pontevedra (1) e da comunidade de Madrid (1). Estes 25 mestres do artesán venderán pezas de xoiería, cerámica, coiro, cestería, téxtil, metalistería, maquetismo, ferraría, bixutería, lámpada decorativa, tornería, pintura, escultura e encaixe de bolillos.

Artesanfroilán, unha das mostras máis rendibles e a máis barata de Galicia, que nas pasadas convocatorias deixou beneficios de máis de 15 millóns de euros e un volume de negocio de máis de 100.000 euros, permanecerá aberta ata o día 12 de outubro, en horario de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:30 horas. A entrada é de balde.

3 premios aos mellores stands
A Deputación concederá 3 premios diferentes ós mellores expositores: 600 euros para o primeiro, 300 para o segundo e 100 para o terceiro. Para elo, tal e como recollen as bases, avaliarase a presentación do produto, a orixinalidade na decoración do stand e o uso de materiais ecolóxicos e sostibles para mellorar a imaxe da mostra.