Deputación de Lugo

Gómez Besteiro fixo entrega dos galardóns ós vencedores do 36º Rallye San Froilán Trofeo Ribeira Sacra

- O Presidente entregou hoxe os trofeos ós vencedores en cada categoría, así como  40 lotes de degustación de produtos autóctonos de calidade para promocionalos e abrir novos mercados - A Deputación tamén aproveitou a numerosa presenza na cidade de afeccionados ó motor para seguir sumando apoios á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega hoxe dos galardóns ós vencedores en cada unha das categorías do 36º Rallye San Froilán Trofeo Ribeira Sacra. Un total de 40 pilotos recibiron, ademais dos diferentes trofeos que os distinguen pola súa clasificación final na proba, uns lotes de produtos autóctonos de calidade compostos por unha selección de embutidos, licores como oruxo branco ou licor de herbas, mel de flores, xunto con mostras de respostería variada como madalenas ou bolachas de castañas.

Gómez Besteiro felicitou ós vencedores, así como ós organizadores da proba, “por amosar un ano máis o seu bo facer e levar contribuíndo durante 36 anos a situar á nosa provincia no mapa”, grazas ó amplo seguemento que esta proba ten en toda España. Así mesmo, animou a todos os asistentes a “facer de Lugo o seu destino en calquera época do ano, porque esta provincia ten moito e moi bo que ofrecer”, facendo alusión á riqueza paisaxística, cultural ou gastronómica, así como “as innumerables posibilidades que ofrece para a práctica de numerosos deportes, “igual que no caso dos deportes de motor, do que todos os que estades aquí tedes sobrada mostra”. Finalmente, o Presidente destacou que “síntome moi orgulloso  de que, tras 36 anos de éxito, o nome desta excelente competición quede ligado para sempre ó da Ribeira Sacra”.

Máis apoios á Ribeira Sacra
Así mesmo, aproveitando o numeroso público que adoita congregar esta proba, a Deputación tivo o autobús rotulado da campaña de apoio popular á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade no centro comercial As Termas e no polígono industrial das Gándaras. Durante toda a xornada de hoxe o bus permanecerá no centro comercial.

Esta iniciativa forma parte da campaña de recollida de sinaturas para sumar apoios á candidatura da Ribeira Sacra que a institución luguesa iniciou en outubro do pasado ano. Polo momento xa son máis de 40.000 as persoas que asinaron nos libros oficias da UNESCO, moitas das cales conseguíronse grazas ó apoio de GADIS e FADEMUR, que permitiu que 51 establecementos de GADIS en Lugo e Ourense contaron cos libros oficiais, e as máis de 12.000 mulleres de toda Galicia que integran FADEMUR incorporaron esta iniciativa na súa campaña Son de campo, coa que pretende visualizar a produción rural.