Deputación de Lugo

Preto de 20.000 nenos e nenas visitaron gratis Avifauna grazas ás achegas da Deputación

- O Centro de Interpretación Avifauna e o organismo provincial levan traballado xuntos máis de 5 anos para fomentar entre os máis pequenos o estudo da fauna da provincia - Lara Méndez salientou que “o convenio que temos con este parque zoolóxico ornitolóxico permite que miles de rapaces cada ano visiten o centro e desfruten de balde da gran variedade de animais que acolle” - O parque, un dos máis importantes a nivel nacional, conta do distintivo de ter a colección máis grande de España de faisáns e patos e alberga máis de 200 especies de aves diferentes

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López, un dos socios fundadores do centro, Carlos Fernández Moreira, e o responsable do parque, José María Díaz Paz, visitaron este martes as instalacións do parque zoolóxico Avifauna para coñecer de primeira man a situación do centro de interpretación, un dos que máis variedade de aves alberga no territorio nacional. A institución provincial leva colaborando con esta aula da natureza máis de 5 anos, facendo unha achega anual de 20.000 euros cos que preto de 20.000 nenos e nenas de diferentes colexios desfrutaron, durante este período, de Avifauna de maneira completamente gratuíta.

Durante a visita, a Vicepresidenta salientou que “este convenio entre Deputación e Avifauna ofrécelle a centos de colexios achegarse ó parque de maneira gratuíta, axudando a difundir a riqueza da fauna da provincia entre os máis pequenos”. Pola súa banda, a Deputada de Enerxías Renovables e Medio Ambiente afirmou que “o parque zoolóxico AVIFAUNA é un dos espazos naturais máis importantes de España; de feito, conta co distintivo de ter a maior colección de aves de España, o que o sitúa á cabeza das aulas da natureza”. A Deputada avanzou que a institución provincial seguirá colaborando con este centro pois, “por unha banda é un dos máis importantes na súa categoría e por outra témolo ó carón das nosas casas”. Os socios fundadores agradecéronlle a Deputación a súa colaboración anual pois “esta achega anual permite que centos de rapaces e rapazas se acheguen ó centro ano a ano a coñecer de primeira  man plantas e animais autóctonos e foráneos”.Pola súa banda, Carlos Fernández agradeceulle ó organismo provincial a súa colaboración e afirmou que, sen estas achegas, a súa situación “sería moi complicada”.

AVIFAUNA e a súa labor na natureza
Este parque zoolóxico comezou a súa andaina no 1983. Os propietarios conseguiron adaptar 6000 m² de terreo, con todo tipo de espazos e instalacións (estanques, fontes, pasarelas, sendeiros, etc.) conseguindo no ano 1992 que o centro contara co distintivo de núcleo Zoolóxico Nacional. No 2000 créase o Centro de Interpretación de AVIFAUNA, iniciando deste xeito unha intensa actividade relacionada con la educación ambiental. A inscrición como Núcleo Zoolóxico de Galicia realízase no 2008, e dende entonces, o Centro, axudado por institucións como a Deputación de Lugo e entidades privadas, mellorou moi notablemente ata chegar hoxe en día a converterse en Parque Zoolóxico Ornitolóxico contribuíndo coa súa labor de conservación e difusión del mundo das aves.

Nas súas instalacións albergan máis de 200 especies diferentes de aves repartidas actualmente nunha extensión de preto de 30.000 m². O Parque Zoolóxico está deseñado para a realización de visitas guiadas, mediante un percorrido a través dun xardín botánico no que os participantes poden observar a riqueza e variedade de aves dos 5 continentes,  en 76 recintos adaptados á especie ou grupo de especies ó que pertencen. No centro préstase unha atención especial á avifauna autóctona ou a aquelas especies que polo seu estado de conservación se atopen en programas específicos de recuperación.