Deputación de Lugo

Éxito rotundo dos cursos de novas tecnoloxías para maiores do InLugo

- Máis de 550 solicitudes en dous días superan o número de prazas dispoñibles e xeran listas de espera na práctica totalidade dos cursos programados, especialmente nos de nivel avanzado - A programación arrinca o día 17 cos cursos Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador  e Organízate co teu móbil, que se celebrarán nas aulas de formación do Centro de Innovación Social InLugo de 11:00 a 13:00 horas.  

A Deputación de Lugo vén de colleitar o habitual éxito dos cursos de novas tecnoloxías para maiores de 55 anos, que organiza a través da Fundación TIC no Centro de Innovación Social InLugo. Deste xeito, dende a apertura do prazo de inscrición o pasado 12 de setembro ás 9:00 horas, xa son 557 as inscricións, as cales superan amplamente o número de 429 prazas dispoñibles, xerando así listas de espera nos cursos programados, especialmente naqueles que versán sobre o uso dos teléfonos móbiles así como nos de contidos de nivel máis avanzado.

Estes cursos, que chegan á súa terceira convocatoria, buscan aumentar a autonomía e mellorar as capacidades cognitivas e funcionais dos lucenses de máis idade, contribuíndo á comunicación e ó intercambio de ideas como mecanismos para mellorar a súa calidade de vida dos lucenses máis veteráns e corrixir as posibles desigualdades sociais.

A programación dará comezo este mércores, 17 de setembro, coas primeiras edicións de Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador e Organízate co teu móbil, nos que tomarán parte 15 e 8 alumnos, respectivamente.

No primeiro deles, pensado para persoas que non teñan ningún coñecemento de informática, poderán aprender os fundamentos básicos: apagar e encender o aparato, as funcións das teclas ou o manexo do rato a través de exercicios e xogos sinxelos. No segundo, aprenderán a sacar partido dos teléfonos móbiles para o seu día a día: moitos dos alumnos das anteriores convocatorias teñen amosado un grande interese por aprender a facer chamadas de emerxencia ou programar alarmas con diferentes usos como, por exemplo, non esquecer as súas pautas de medicación. Ambos cursos celebraranse nas aulas de formación do InLugo, entre os días 17 e 119 deste mes, en horario de 11:00 a 13:00 horas.

Estas son as dúas primeiras das 20 accións formativas previstas -13 cursos e 7 obradoiros-, que ofrecerán máis de 230 horas de formación gratuíta ata finais de ano. Todas estas accións formativas compleméntanse, por primeira vez, con titorías personalizadas, para que os usuarios poidan resolver calquera dúbida fóra do horario dos cursos e poidan aproveitar ó máximo a súa experiencia.