Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo aprobará este venres a devolución da extra do 2012 a todos os empregados da Deputación

- Na nómina de outubro todo o persoal funcionario e laboral percibirá a máxima cantidade que a día de hoxe a Deputación pode abonar amparada pola Lei - O Presidente convocará aos representantes sindicais para poder pagar en xaneiro o 75% restante da extra suprimida polo Goberno central en Nadal de 2012 - “Chegamos ó final dun longo camiño que rematará coa recuperación total da extra incautada a todos os traballadores públicos deste país, por unha decisión do Goberno de Rajoy, secundada en Galicia polo Goberno que preside Núñez Feijóo”

A Deputación de Lugo aprobará este venres en Xunta de Goberno a devolución da paga extra a todos os seus traballadores, os cales percibirán na nómina do mes de outubro a máxima cantidade que a día de hoxe a Deputación pode abonar amparada por Lei. Así o anunciou hoxe o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen lembrou que esta parte proporcional é a correspondente a 44 días, os que van do 1 de xuño ó 14 de xullo de 2012, data de entrada en vigor do Decreto que suprimiu este dereito laboral de todos os empregados públicos.

O Presidente avanzou tamén que, de xeito inmediato, convocará aos representantes sindicais para poder abonar o 75% restante no mes de xaneiro e conseguir que, a principios do 2015, 487 traballadores da Deputación, isto é, todo o persoal funcionario e laboral teña recuperado a totalidade “da paga extra que en decembro de 2012 foi incautada a todos os traballadores públicos da Deputación, e de todas as administracións deste país, por unha decisión do Goberno de Rajoy, secundada en Galicia polo Goberno que preside Núñez Feijóo”.

Acompañado polo Deputado de Réxime Interior, Miguel Ángel Sotuela, Gómez Besteiro destacou que “coa decisión que tomaremos o vindeiro venres en Xunta de Goberno chegaremos ó final dun camiño moi longo”, durante o que o Goberno provincial mantivo unha postura de firme defensa das condicións laborais e os dereitos adquiridos polos traballadores da Deputación.

Este “longo camiño” ó que fixo referencia Besteiro, comezou en setembro de 2012, cando o Pleno provincial acordou, co voto en contra do PP, solicitar á Consellería da Presidencia que pedira ó Consello Consultivo un dictame acerca da intención da Deputación de compensar a supresión desta paga sen incurrir en ningunha ilegalidade ou fraude de lei.

Defensa dos dereitos dos empregados públicos
Este compromiso coa defensa dos dereitos dos traballadores materializouse o pasado mes de abril, cun Acordo Sindical maioritario e sen votos en contra, no que destacaba o compromiso por parte do Goberno provincial de restituír a paga extraordinaria de decembro de 2012 o antes posible, tal e como se dispón agora a facer, así como o de non presentar ningún tipo de recurso ás reclamacións das centrais sindicais, que contaron dende o primeiro momento co respecto e apoio dos responsables provinciais.