Deputación de Lugo

Os orzamentos participativos recolleron a opinión de asociacións que suman 55.000 veciños

- Está representado o 20% da poboación lucense maior de 16 anos, ben directamente ou a través dos 300 colectivos que tomaron parte na iniciativa, segundo anunciou hoxe o Presidente no marco do Día do Veciño, que reuniu a 3.000 persoas no Pazo de Feiras - Emprego, infraestruturas e políticas sociais son as áreas prioritarias para os participantes, con idades que oscilan entre os 16 dunha moza de Lugo e os 93 dun veciño de Vilalba. Os partidos xudiciais da Fonsagrada, Becerreá e Sarria foron os máis participativos - Tras rematar esta primeira fase, a Deputación enviaralles este mes ao resto das administracións -como Xunta, Goberno central e concellos- as propostas e solicitudes veciñais que son da súa competencia

No marco da celebración do Día do Veciño, que reuniu a máis de 3.000 persoas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo balance este domingo da primeira fase da elaboración dos orzamentos participativos, os primeiros dun organismo provincial en España. Unha vez rematado o prazo para que os cidadáns puidesen participar, Gómez Besteiro anunciou que os presupostos recolleron a opinión de asociacións que suman máis de 55.000 veciños, un dato que fixo público despois de que, por primeira vez, se puideran contabilizar todas as achegas on line e as realizadas polos colectivos da provincia. Deste xeito, está representado o 20% da poboación lucense maior de 16 anos, ben directamente ou a través dos máis de 30 colectivos que tomaron parte na iniciativa.

“Este é un éxito de todos, pero moi especialmente dos veciños, que deron a súa opinión sobre cales deben ser as prioridades do orzamento da Deputación demostrando moita responsabilidade, implicación e sentido común. Grazas a todos eles”, subliñou o Presidente, quen se mostrou moi satisfeito pola boa acollida que tivo “a nosa aposta política polo Goberno Aberto, por afondar na democracia e na transparencia”. “Cremos que esta experiencia pioneira é moi positiva, e confiamos en que outras institucións tamén dean este paso e se comprometan politicamente con esta liña de traballo”, afirmou Besteiro.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, agradeceu a Gómez Besteiro o impulso desta iniciativa, que marca “un punto e a parte, unha forma diferente de gobernar, na que os cidadáns somos e asumimos o protagonismo na elaboración dos orzamentos das institucións que nos representan”. Vázquez cualificou de “histórico” este ano “porque conseguimos un soño que levabamos moito tempo perseguindo dende o movemento veciñal”.

Emprego, a prioridade
A gran maioría dos participantes (un 42%) decidiron que a área que debe priorizar a Deputación nos presupostos do 2015 é o fomento do emprego, xunto coas infraestruturas (cun 15%) e o desenvolvemento de políticas sociais (cun 12%).

O perfil medio das persoas que tomaron parte no proceso é o dun home de 52 anos, aínda que as idades oscilaron entre os 16 dunha moza de Lugo e os 93 dun veciño de Vilalba, Julián Prieto Villares, que acudiu á xuntanza participativa celebrada no seu Concello.

A Fonsagrada, Becerreá e Sarria foron os partidos xudiciais máis participativos en relación co seu número de habitantes. Aínda que polo xeral o número de homes supera ao de mulleres, nos casos da Montaña e de Monforte destacou unha alta participación da poboación feminina.

En canto ás máis de 300 asociacións que participaron, a maioría son de Lugo (con 77), seguido de Sarria (40), Vilalba (38), Chantada (36), e Monforte e Viveiro (32 cada un).   

Cal é o seguinte paso?
Unha vez concluída esta primeira fase de participación, a Deputación, segundo avanzou o Presidente, enviaralle este mes ao resto de administracións –como Xunta, Goberno central e concellos- as propostas e solicitudes veciñais que son da súa competencia porque, aínda que non teñen orzamentos participativos como a entidade luguesa, “coñezan os deberes que lles poñen os lucenses e valoren as súas iniciativas”, sinalou o Presidente.

En canto ás cuestións referidas á ámbitos de responsabilidade da propia Deputación, os servizos técnicos provinciais xa están informando da súa viabilidade de cara á elaboración dos orzamentos do 2015, que, coma sempre, o Goberno provincial terá aprobados en decembro para que poidan entrar en vigor o 1 de xaneiro.

Apoio á Ribeira Sacra
Gómez Besteiro deu a coñecer estes datos no Día do Veciño, un multitudinario evento organizado pola Federación de Asociacións de Veciños da Provincia, que a Deputación aproveitou para seguir recollendo apoios á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Durante toda a xornada, o bus da campaña permaneceu estacionado no entorno do Pazo de Feiras, onde os 3.000 asistentes asinaron en favor da candidatura, facendo así efectiva a adhesión da Federación veciñal á iniciativa.

A Deputación tamén cedeu 10 cestas de produtos autóctonos a este colectivo, que foron entregadas aos socios que destacaron no último ano polo seu esforzo e traballo en favor do movemento veciñal. A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, foi a encargada de facer a entrega.