Deputación de Lugo

A Deputación colabora na limpeza das marxes do río Miño

- A institución provincial e Asociación de Pescadores de Ponte de Areas do Páramo asinaron un convenio de colaboración cunha achega provincial de 5.000 euros para levar a cabo esta actividade -Sonsoles López Izquierdo salientou que con esta limpeza “saneamos os nosos ríos e melloramos a súa calidade, axudando a manter o solo e a temperar a auga do río” - Nas marxes do Miño hai ameneiros afectados polo fungo Phytophthora alni, que provoca que as árbores non crezan como é debido chegando incluso a caer

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, supervisou hoxe os traballos de limpeza que se están a realizar na ribeira esquerda do río Miño, dende a desembocadura do río Chamoso ata a do río Neira, coñecido como coto de Quinde. Estes traballos de limpeza e acondicionamento do río son posibles grazas ao un convenio de colaboración de 5.000 euros que a institución provincial asinou coa Asociación de Pescadores de Ponte de Areas do Páramo.

, Sonsoles López Izquierdo salientou que “este tipo de intervencións son moi necesarias para sanear os nosos ríos e mellorar a súa calidade, pois as árbores axudan, por exemplo, a manter fixado o solo e a aclimatar a auga do río para regular o crecemento das especies autóctonas”. Pola súa banda, un dos representante da Asociación Ponte de Areas do Páramo agradeceu a colaboración da Deputación e afirmou que “non hai moitas institucións públicas que aposten por un compromiso tan forte co medio ambiente como o fai a Deputación de Lugo”.

A limpeza consiste na eliminación dos pés dos ameneiros contaminados polo fungo, que afecta, entre outros aspectos, ao seu crecemento. Con esta iniciativa o organismo provincial busca mellorar a saúde das marxes do río Miño e potenciar os recursos naturais da provincia para buscar alternativas de futuro creando valor engadido para a provincia.

A presenza deste fungo foi determinada no ano 2009 cunha mostra dun ameneiro con síntomas de decaemento nunha zona da ribeira do río Avia en Ourense. Trátase dunha especie bastante agresiva, que produce podremia dos ameneiros, sobre todos daqueles que se atopan nos bosques das ribeiras dos ríos.