Deputación de Lugo

O futuro do campo, a debate nun novo encontro do ciclo Galicia en clave económica

- A Vicepresidenta Segunda inaugurou un novo debate do ciclo Galicia en clave económica no que José Luis Antuña, Javier García Lozano e Daniel López Muñoz abordaron dende diferentes puntos de vista o futuro do sector do agro galego - Méndez defendeu a importancia de transmitir a mensaxe de que “o campo é unha forza de futuro de primeira orde” que depende da posta en marcha de “medidas innovadoras que saneen o sector e o preparen de cara ós retos que ten por diante” -Esta iniciativa está organizada polo organismo provincial e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, organizan esta iniciativa, implicando á cidadanía na busca de solucións á crise

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, inaugurou este mércores, no Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Vilalba, un novo debate do ciclo Galicia en clave económica, organizado pola Deputación de Lugo e Economía Digital, coa colaboración do Grupo El Progreso. Nesta ocasión, o eixe central do encontro foi o futuro do campo, do sector agrícola e gandeiro, que supoñen o 7% do PIB galego, a través da análise dos cambios normativos, como a nova PAC, e a capacidade do sector para renovarse e desempeñar un papel máis competitivo en Europa nos vindeiros anos.

Na súa intervención, Lara Méndez defendeu a aposta polo campo xa que, malia que os datos da última Enquisa de Poboación Activa “non son especialmente alentadores” -nos últimos dez anos o emprego no rural descendeu dos 100.000 empregos directos ós preto de 50.000-, “tamén ofrecen claves de futuro, posto que o campo aínda dá traballo a case tantos galegos “como 7 factorías de Citröen ou 7 Inditex, o que o convirte nunha forza de futuro de primeira orde, que é a mensaxe que temos que transmitir”. Entre as causas deste descenso, Méndez sinalou o envellecemento poboacional, o éxodo de cara ás cidades e “as políticas erráticas e erradas dos últimos anos, que teñen atendido máis a intereses espúreos que a favorecer a quen realmente vive do campo”.

Neste senso, a Vicepresidenta avogou pola posta en marcha de medidas innovadoras “capaces de sanear o sector de cara ós retos que ten por diante”, como a corrección das desigualdades de accesos á sanidade, educación, servizos sociais ou novas tecnoloxías entre o rural e as cidades. Do mesmo xeito, insistiu na necesidade de potenciar a innovación e as industrias de transformación, para xerar valor engadido á produción tradicional; de contar cunha lexislación que protexa ó sector, favoreza a rendabilidade das explotacións e mellore o funcionamento da cadea de valor do leite, así como a potenciación do cooperativismo.

Outra das medidas propostas foron a adopción de modelos de xestión e aproveitamento ecolóxicos e sostibles, e a busca de novos rendementos para os produtos tradicionais, como no caso da castaña. Finalmente, a Vicepresidenta insistiu a mellora do ordenamento territorial para recuperar terras abandonadas, “como o 80% do territorio galego que está sen producir, aumentando a base territorial das explotacións superando modelos ineficaces ou insuficientes, como o Banco de Terras”.

Lara Méndez fixo estas declaracións no debate no que participaron o Director Xeral de Feiraco, José Luis Antuña; o Secretario do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), Javier García Lozano, e o experto en crise demográfica e integrante do proxecto europeo Symbios.