Deputación de Lugo

Presentado o Pacto polo Emprego II en Guitiriz e Friol

Imaxe deputación de lugo
- Lara Méndez e Álvaro Santos participaron hoxe en dous encontros para dar a coñecer o programa de inserción laboral da Deputación - O plan de emprego ofrecerá 27 accións formativas gratuítas para 405 participantes da zona centro, nos que os interesados xa poden inscribirse - Para iso, só teñen que achegarse ata a súa Oficina de Emprego e comunicar que desexan participar nos cursos da Deputación. Máis información en www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 260 088

A Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, acompañada do Deputado Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou hoxe o Pacto Provincial polo Emprego II, en dous encontros celebrados nos Concellos de Guitiriz e Friol, continuando así coas reunións que nas vindeiras semanas terán lugar para dar a coñecer de primeira man o ambicioso plan de inserción laboral da Deputación aos veciños de toda a provincia.

O Pacto polo Emprego II conta cun orzamento total de 4,1 millóns de euros, cofinanciados nun 80% por fondos europeos, logo de que a boa xestión da Deputación conseguira ser premiada pola Unión Europea con 600.000 euros máis, que se sumaron aos 3,5 millóns de euros dos que dispoñía inicialmente o Plan. Este orzamento fai que este proxecto sexa o que acadou máis financiamento en Galicia na última convocatoria do Fondo Social Europeo.

27 cursos para a zona centro
Lara Méndez destacou que este plan contribuirá á inserción no mercado laboral de “1.005 lucenses desempregados, dos que máis de 400 serán da zona centro da provincia, mediante formación e prácticas remuneradas nas profesións con máis demanda no mercado do traballo da provincia”. A Vicepresidenta subliñou que na zona centro da provincia, na que se inclúen estes dous Concellos, celebraranse 27 das accións formativas das 67 programadas en total.

As accións formativas que se celebrarán na zona centro son as seguintes:

  • 7 cursos de Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio
  • 8 de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
  • 1 de Técnico de Transporte Sanitario
  • 2 de Operacións básicas de Cociña
  • 2 de Operacións básicas de restaurante e bar
  • 3 de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais
  • 4 de Asesoramento na función xerencial e o autoemprego

Estes 27 cursos ofrecerán a todos os beneficiarios o acceso a formación teórica e práctica remuneradas en recoñecidas empresas e asociacións da provincia, para cuxa selección tamén se incluíron cláusulas sociais. Estas empresas ofrecerán tamén titorías individuais sobre habilidades sociais como, por exemplo, o mellor xeito de presentarse a unha entrevista de traballo, redactar un bo currículum, poñer en marcha unha empresa, etc.

A Deputación puxo en marcha o Pacto Provincial polo Emprego coa intención de que o feito de non contar con estudos ou ingresos deixara a ninguén fóra do plan. De aí que aos participantes non se lles esixa ningunha titulación, e durante o proceso de formación todos eles reciban unha prestación económica equivalente ao 75% do IPREM, isto é, uns 400 euros mensuais, cantidade máxima que a normativa que regula o Fondo Social Europeo permite. Esta axuda mensual é compatible coa percepción da prestación por desemprego ou de calquera outra axuda pública da mesma finalidade, sempre e cando o total mensual non supere precisamente o 75% do IPREM.

A quen está dirixido
A Vicepresidenta lembrou que os beneficiarios poden ser desempregados de todos os Concellos da provincia -agás o de Lugo, posto que este xa conta co seu propio plan equivalente-, e para participar só teñen que estar inscritos como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego -antes denominadas Servizo Galego de Colocación-.

Malia que este programa está dirixido calquera persoa desempregada, teranse en especial consideración, tal e como indican as bases, determinados colectivos con máis dificultades:

  • menores de 30 anos e maiores de 45
  • desempregados de longa duración
  • persoas con diversidades funcionais
  • vítimas de maltrato
  • persoas en proceso de rehabilitación ou reinserción social
  • as pertencentes a minorías étnicas
  • os inmigrantes
  • mozos que non superaran a ensinanza obrigatoria
  • coidadores non profesionais que atenden a dependentes
  • outros colectivos en risco de exclusión social.

Como inscribirse
Os interesados en tomar parte só teñen que dirixirse á súa oficina de emprego habitual e simplemente manifestar que están interesados en participar nos cursos da Deputación. Máis información en www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 260 088.