Deputación de Lugo

Deputación e Concello homenaxean ás vítimas de violencia de xénero coa inauguración da escultura “O voo das bolboretas”

- Gómez Besteiro participou nos actos de condena da violencia machista “a manifestación máis terrible da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na actualidade na nosa sociedade” - “O voo das bolboretas”, de Luz Darriba e Xavier Quijada, conxuga a fraxilidade destes lepidópteros e a forza da pedra para amosar un voo de liberación que deslexitime todo tipo de violencia contra as mulleres - Unha performance, o testemuño dunha muller vítima desta lacra e actuacións musicais foron algúns dos actos celebrados no xardín do antigo INLUDES

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, participaron esta tarde na homenaxe ás vítimas de violencia de xénero que a institución provincial organizou este martes nos xardíns dianteiros do Fogar de Santa María, antigo INLUDES, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Entre os actos programados nesta homenaxe estaba a inauguración de tres pezas de Luz Darriba e Xavier Quijada. O Centro de Artesanía e Deseño confiou nesta artista e neste canteiro para realizar esta obra que lembra o día a día da violencia de xénero. A escultura, “O voo das bolboretas”, distingue o traballo das Irmáns Mirabal, “As Mariposas”, símbolo de loita contra a ditadura de Trujillo, que foron torturadas e asasindadas baixo o seu mandato. Na súa honra, cada 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Non Violencia contra a Muller.

Gómez Besteiro destacou que “a violencia de xénero é a manifestación máis terrible da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na actualidade na nosa sociedade”. O Presidente subliñou “a obriga das Administracións Públicas a pór medios para erradicar a violencia de xénero e protexer os dereitos e liberdades da muller” ao tempo que conmemoraba os 10 anos de nacemento da Lei Integral contra a Violencia de Xénero: “dez anos nos que máis de 750 mulleres teñen sido asasinadas polas súas parellas ou ex parellas. 45 delas este mesmo ano”.  O mandatario provincial tamén fixo un chamamento á poboación para evitar esta lacra logo de denunciar a diminución do orzamento en materia de igualdade do Goberno Central “un 33% menos só na última lexislatura, así como o desmantelamento de moitos centros de atención ás vítimas”.

O voo das bolboretas
Construídas en granito moreno propio da comarca e punteiradas á mán, “O voo das bolboretas” consta de 15 pezas xeomatrizadas idealizando virtualmente a forma das bolboretas. As pezas van elevadas sobre un tubo co que se pretende darlle ás bolboretas a posición de voo. Esta peza artística, que conxuga a fraxilidade destes lepidópteros e a forza da pedra, amosa un voo de liberación que deslexitime todo tipo de violencia contra as mulleres.

Actividades para condenar á violencia machista
O acto, no que tamén estivo presente a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, a Concelleria de Benestar Social e Igualdade, Ana Abelleira, os autores da obra, escritores e diversas asociacións luguesas, contou cunha performance realizada por Clara María del Valle e Raúl Ferreira; o testemuño dunha muller vítima desta lacra e a actuación de Chiruca e os músicos de Ara Martínez, Gerardo Castedo, Paul Walker e A Volta do Agro.