Deputación de Lugo

O CENTRAD convoca unha nova bolsa formativa dirixida a desempregados para pór en valor o sector artesán

Imaxe deputación de lugo
- Trátase dunha nova liña de axuda para desempregados menores de 40 anos con interese no ámbito do deseño e da artesanía, que desexen ampliar a súa formación práctica no CENTRAD -A bolsa, que terá unha duración dun ano e está dotada cuns 12.000 euros, pode solicitarse ata o vindeiro mércores, 12 de novembro. Para a selección terase en conta a formación académica e a complementaria, unha memoria descriptiva e unha entrevista persoal

O Centro de Artesanía e Deseño, dependende da Deputación, convoca unha bolsa formativa para desempregados menores de 40 anos con interese no ámbito do deseño e da artesanía que desexen ampliar a súa formación práctica nalgunha das materias que son da competencia do CENTRAD: moble, instrumentos musicais, traxe tradicional, libro, tapicería e cestería.

Trátase da terceira bolsa convocada polo CENTRAD durante o 2014, logo de dúas centradas exclusivamente nos eidos da canteiría e da carpintería, creadas co obxectivo de consolidar e pór en valor o sector artesán mediante a súa profesionalización. A duración da mesma é dun ano e está dotada con 12.000 euros.

Os interesados deberán presentar as súas solicitudes, xunto coa documentación adicional requerida, conforme ao modelo oficial que figura nas bases reguladoras, que se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste martes, 4 de novembro na web www.deputacionlugo.gal. O prazo de presentación de solicitudes remata o mércores, 12 de novembro.

Criterios para a selección
Unha vez avaliadas as solicitudes recibidas, publicarase o listado provisional de admitidos, tanto na web citada coma no taboleiro de anuncios do CENTRAD. Unha Comisión de Valoración será a encargada de seleccionar ao beneficiario en función da súa formación académica e complementaria; unha memoria descriptiva dos obxectos previstos na convocatoria e unha entrevista persoal. O prazo para a resolución definitiva será de dous meses, contados a partir do día da conclusión do prazo establecido na convocatoria para presentalas.