Deputación de Lugo

Aprobadas as bases do plan BEN EMPREGADO!, que subvenciona a contratación de parados dos 67 Concellos en negocios da provincia

- O luns publicaranse no BOP e o martes abrirase un prazo de 15 días hábiles para que entidades e colectivos da provincia presenten proxectos co persoal que desexan contratar - A Xunta de Goberno aproba o primeiro Plan de Conservación da rede viaria con cláusulas sociais, que blinda os empregos e condicións laborais de 80 traballadores - A Deputación aforra 170.000 euros a Sober, Monforte de Lemos, Monterroso, Láncara, A Pobra do Brollón, Rábade, Barralla e Quiroga co seu Plan Enerxético; e contrata novas obras de mellora en estradas de Ribeira de Piquín con case 200.000 euros

A Xunta de Goberno deste venres aprobou as bases do BEN EMPREGADO!, o novo plan de emprego da Deputación, dotado de 5 millóns de euros, que subvenciona a contratación durante 1 ano dun mínimo de 300 desempregados lucenses dos 67 Concellos lucenses en entidades e colectivos da provincia. “É un plan pioneiro na defensa dos dereitos dos traballadores a través de cláusulas sociais nos contratos, que blindan os empregos e as condicións laborais e salariais dos traballadores. É, ademais, unha programación innovadora, posto que por primeira vez unha administración galega crea un plan de emprego que escoita ao tecido empresarial e asociativo, axustando a oferta de emprego á demanda”, destacou o voceiro provincial socialista.

Manuel Martínez adiantou que, aprobadas hoxe as bases, o luns publicaranse no BOP e o martes abrirase un prazo de 15 días hábiles para que pequenas empresas e  microempresas, empresarios individuais e profesionais, comunidades de bens e sociedades civís, asociacións, federacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro (todas elas lucenses), presenten proxectos de futuro sobre a súa actividade socioeconómica, detallando o número e o perfil de persoas que desexarían contratar para levalo a cabo, a súa función ou vinculación coa empresa... Toda a información sobre as bases ou os modelos de inscrición estará a partires do luns en www.deputacionlugo.gal. Máis detalles no 982-260-000.

Na selección de entidades e colectivos, que será en réxime de concorrencia competitiva, atenderá, principalmente, a criterios sociais. Estes son: 1.-Entidades cuxo domicilio fiscal se encontre en calquera Concello da provincia de menos de 5.000 habitantes; 2.- Entidades que apliquen claúsulas sociais nos contratos de traballo do seu cadro de persoal ou contemple calquera outra mellora que redunde en beneficio do traballador; 3.- Contar cun programa de horario flexible; 4.- Ofrecer bolsas de estudo, plan de pensións, seguros médicos; 5.- Favorecer medidas de conciliación da vida laboral e familiar; 6.-Calidade da memoria-proxecto e adecuación ao programa; 7.- Entidades atendendo ao cadro de persoal, “en impulso a autónomos e PEMES”.

En cumprimento coa Lei de Subvencións, non poderán participar entidades declaradas en concurso, que non estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, que teñan a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado como paraíso fiscal, ou que estean sancionadas mediante resolución firme coa perda de obter subvencións. Tamén quedarán excluídas, no caso de despedir de forma improcedente a algún traballador, como mínimo, nos seis meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes do BEN EMPREGADO!. 

Será en febreiro cando arranque a segunda fase do BEN EMPREGADO coa celebración dunha convocatoria pública de selección de desempregados lucenses dos 67 Concellos de Lugo que serán contratos nas entidades e colectivos seleccionados na primeira fase do plan.

Plan de Conservación
A Xunta de Goberno aprobou a contratación do primeiro Plan de Conservación da rede viaria provincial que inclúe cláusulas sociais en defensa dos traballadores. “Con esta medida, conseguimos, primeiro, blindar os empregos dos 80 traballadores que atenderán as estradas provincias, posto que as adxudicatarias teñen a obriga de mantelos durante todo o prazo de execución dos contratos, que é de 4 anos; e, segundo, mellorar as súas condicións salariais e laborais con respecto ao Estatuto dos Traballadores e ao convenio do sector, que é o de Edificación e Obras Públicas.

O prezo de contratación do Plan de Conservación é de case 11 millóns de euros. A este presuposto da Deputación engádense as melloras por valor de 2,4 millóns de euros que ofreceron e asumen as adxudicatarias. Isto supón que o investimento total para a conservación da rede viaria provincial ata 2018 sexa de 13,4 millóns.

  • Zona 1: 1.603.903 euros para a conservación de 530 quilómetros de vías nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
  • Zona 2: 1.547.077 euros para 618 quilómetros nos Concellos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.
  • Zona 3: 1.582.983 euros para 668 quilómetros nos Concellos de Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.
  • Zona 4: 1.545.131 euros para 680 quilómetros dos Concellos de Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.
  • Zona 5: 1.500.732 euros para 332 quilómetros nos Concellos de Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
  • Zona 6: 1.474.493 euros para os 334 quilómetros dos Concellos de Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
  • Zona 7: 1.601.032 euros para os 313 quilómetros dos Concellos de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.
  • Zona 8: 1.544.412 euros para os 738 quilómetros dos Concellos de Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

Aforro enerxético
A Deputación aforra preto de 170.000 euros aos Concellos de Sober, Monforte de Lemos, Monterroso, Láncara, A Pobra do Brollón, Rábade, Barralla e Quiroga co seu Plan Enerxético. “Facémolo ao asumir todos os custes das actuacións que conleva esta programación, a diferencia do plan da Xunta, que obriga ás entidades locais a pagar o 30% dos gastos”, explicou Martínez. Este aforro distribúese do seguinte xeito: 80.000 euros das auditorías enerxéticas gratuítas, que levaron a cabo os técnicos da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación, evitando contratacións externas ao facelo con medios propios; 78.098 euros ó asumir con fondos europeos a compra e instalación de 344 novos compoñentes enerxéticos. Precisamente, hoxe na Xunta de Goberno aprobamos estes contratos; e 9.200 euros, que é a cantidade na que estes 8 Concellos verán reducida a súas facturas anuais pola luz debido á instalación deste material.

Obras en Ribeira de Piquín
A sesión aprobou a contratación de obras de mellora en estradas provinciais no Concello de Ribeira de Piquín. Son traballos do POS 2014, que financia na súa totalidade a Deputación con preto de 200.000 euros. Consisten na mellora do firme con aglomerado en quente, sinalización e limpeza de cunetas en 2,5 quilómetros da LU-P-4606, “De Rioxán, por Boel, Chao de Pousadoiro e Carballido a Asturias”; e en 700 metros da  LU-P- 5401, “De Boel, por Martín á estrada de Meira-Cádavo, en Muiña.