Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o espírito emprendedor dos veciños da provincia

Imaxe deputación de lugo
- Deputación e Empresarias de Lugo ofrecen formación gratuíta a 15 desempregados para abrir novos negocios. Aberta a solicitude en 982-226-991 ou empresariaslugo@gmail.com - Con esta iniciativa búscase formar aos veciños en aspectos como a creación do plan de empresa, a elaboración da estratexia de negocio ou as características dos bens e servizos ofrecidos

A Deputación de Lugo, en colaboración coas Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo (AELU), ofrece o curso Deseña o teu plan de negocio, acción formativa dirixida a 15 desempregados lucenses que teñan unha idea de negocio, para impulsar o papel emprendedor, neste caso, dos veciños da provincia. Esta iniciativa está financiada polo organismo provincial a través dun convenio con AELU por valor de 60.000 euros.

Con esta actividade formativa a institución provincial segue apostando polo espírito emprendedor e o autoemprego, para crear negocios que axuden a buscar novas vías de futuro para a provincia a as familias. Grazas ao convenio de colaboración entre Deputación e a Asociación de Empresarias púxeronse en marcha outras iniciativas como o Banco de Tempo, portal virtual que favorece a colaboración entre mulleres e favorece a creación de traballo, nun momento no que o paro en Galicia supera o 21%.

Este obradoiro, completamente gratuíto para as participantes, celebrarase na aula de informática do Fogar de Santa María, entre os días 3 e 21 de novembro, de 9:00 a 13:00 horas. Deseña o teu plan de negocio ofrece 50 horas de formación en aspectos como o plan de empresa, as estratexias para a busca de financiamento, as características do mercado ou a descrición dos produtos e servizos que unha empresa debe ofrecer.

O prazo de inscrición está aberta no teléfono 982-226-991 ou en empresariaslugo@gmail.com. As inscricións formalizaranse por rigorosa orde de solicitude.