A agricultura ecolóxica, obxecto de debate no novo encontro de Galicia en clave económica
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A Deputación de Lugo e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, celebrarán este xoves, 13 de novembro, ás 19:00 horas na Casa Sindical de Chantada, un novo debate do ciclo Galicia en clave económica, que, dende o pasado ano vén xuntando aos mellores expertos para analizar a situación socioeconómica de Galicia e os retos de futuro que se lle presentan.
A hora da agricultura ecolóxica é o novo debate, de asistencia gratuíta, no que se someterá a análise e debate, dende diferentes puntos de vista, a situación da produción agrícola ecolóxica en Galicia: cunha superficie de produción rexistrada de 14.000 hectáreas das 600.000 de superficie agraria galega-; máis de medio milleiro de produtores e máis dun cento de elaboradores inscritos, a agricultura ecolóxica ten dado un importante salto cuantitativo nos últimos tempos, malia que aínda ten por diante moitos retos, como a súa adaptación ao novo regulamento europeo que entrará en vigor no 2017; ou a dinamización da comercialización destes produtos nos mercados interiores.
Estes aspectos serán debatidos polos expertos participantes, que nesta ocasión serán:
- José Antonio Fernández Álvarez, presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, organismo encargado de outorgar a certificación de produción ecolóxica.
- José Luis Olmedo, técnico de Customdrinks, planta de produción de sidra de mazá ecolóxica, que merca a pequenos produtores locais que continúan a cultivar mazá sidreira de xeito tradicional
- Patricia Ibarra Lloves, responsable da feira de produtos ecolóxicos máis importante, Ecological Galicia, que tamén presentará un novo proxecto de desenvolvemento agrario, Hortoglobal.
Coma en anteriores ocasións, o debate estará aberto ó público e a asistencia e gratuíta e libre ata completar aforo.