Deputación de Lugo

Os 60 primeiros beneficiados na Mariña do Pacto polo Emprego comezan hoxe a súa formación  

Imaxe deputación de lugo
- Lara Méndez mantivo un encontro en Viveiro cos participantes nas 4 edicións dos cursos de atención sociosanitaria a persoas no domicilio e a dependentes en institucións sociais - Logo da parte teórica, realizarán prácticas en centros de maiores de Viveiro, Xove, Ribadeo, O Valadouro ou Burela. Durante todo o proceso, recibirán unha axuda mensual de 400 euros - A Deputación levará á Mariña outras 15 accións formativas, que se poderán solicitar proximamente nas oficinas do Servizo Público de Emprego

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, mantivo este martes un encontro cos 60 primeiros beneficiados na Mariña do Pacto Provincial polo Emprego II. Trátanse de lucenses en paro que resultaron beneficiados das accións formativas que arrancaron hoxe en Viveiro:  “Atención sociosanitaria a persoas no domicilio” e “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”.

Son os primeiros cursos do Pacto que a Deputación leva á zona norte da provincia. Celébranse catro edicións, dúas por curso. En cada unha delas participan 15 persoas, sumando un total de 60. As clases teóricas, que son as que se desenvolven en primeiro lugar, sitúanse na rúa Ramón Ledesma, que é onde se afinca a sede de Cruz Roja, e na aula formativa da Casa do Concello. O horario de mañá é de 09:00 a 14:00 horas e o de tarde de 16:00 a 21:00 horas.

Logo das clases teóricas, os participantes farán prácticas laborais en centros como Geriatros en Viveiro, San Sebastián y Lázaro en Ribadeo, San Bartolomé en Xove, San María no Valadouro ou nas residencias para maiores de Xove e Burela, entre outras.

Durante todo o proceso, tanto na parte teórica como práctica, os participantes recibirán unha axuda económica que non pode superar o 75% do IPREM (Índice Público de Renda de Efectos Múltiples) para este ano, é dicir, aproximadamente 400 euros. Esta axuda é compatible coa prestación por desemprego ou con outras axudas públicas con esta mesma finalidade, sempre e cando o conxunto das rendas percibidas non supere o 75% do IPREM.
As entidades encargadas de impartir estes primeiros cursos son Cruz Roja, no caso dos de “Atención a persoas dependendes en institucións”, os cales se prolongarán ata finais de abril do vindeiro ano, e Norprevención nos de “Atención a persoas no domicilio”, que rematará no mes de xuño. Ambas entidades contan cun máis que recoñecido prestixio e ampla traxectoria. Durante toda a formación, ofrecerán a maiores titorías individuais sobre habilidades sociais como, por exemplo, o mellor xeito de presentarse a unha entrevista de traballo, redactar un bo currículum, poñer en marcha unha empresa, etc.

Máis cursos
Xunto con ditos cursos, a Mariña –zona norte- acollerá outras 15 accións formativas do Pacto Provincial polo Emprego II da Deputación: 4 edicións de Atención socioanitaria a persoas no domicilio; 3 de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; 1 de Técnico de Transporte Sanitario; 2 de Operacións básicas de cociña; 2 de Operacións básicas de restaurante e bar; 1 de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e 2 de Asesoramento na función xerencial e o autoemprego.

O prazo de inscrición estará aberto proximamente nas oficinas do Servizo Público de Emprego -antes denominadas Servizo Galego de Colocación-.