Deputación de Lugo

A Deputación reforzou con 70 operarios e 40 máquinas o dispositivo por neve nas estradas provinciais

A institución, que despexa estradas dende as 6 da mañá, centraliza os seus esforzos na Montaña, posto que hai vías cortadas con 1 metro de neve

A Deputación reforzou con 70 operarios e 40 máquinas o dispositivo do Plan Invernal nas estradas provinciais, que actúa dende as 06:00 en todos os Concellos lugueses afectados polo temporal de neve.

A Montaña é a comarca máis afectada, posto que hai vías con acumulacións de neve de ata 1 metro, que permanecen cortadas ao tráfico. Son o caso da LU-P-4501 do Alto do Poio por Louzarela e Teixeira, e da LU-P-5004 de Cruz de Outeiro por Seara e Ferramulín, no municipio de Folgoso do Courel; da LU-P-4504 de Pedrafita ao Portelo, en Pedrafita do Cebreiro; da LU-P-1412 en Pena do Santo e Setecarballos, e da LU-P-1405 de Campa da Braña ao Circo de Tres Obispos, en Cervantes; da LU-P-3601, de Acebo a Negueira de Muñiz, na Fonsagrada; da LU-P-6001 de Taboada por Ada, en Taboada; da LU-P-3602 de Acebo por Ouviaña a Asturias, en Negueira de Muñiz; e da LU-P-3508 de Rao por Murias a Valouta, en Navia de Suarna.  

Os esforzos centralízanse, principalmente, en Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, A Fonsagrada, Taboada, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, así como nas Nogais, Triacastela, Guntín e Samos, onde tamén hai zonas conflitivas. 

O dispositivo provincial seguirá traballando ininterrompidamente. Recoméndase o uso de cadeas, así como só realizar os desprazamentos imprescindibles.