Deputación de Lugo

A Deputación ofrece a maiores de 55 anos formación gratis e nos fogares sobre as TICs co Sempre en Activo

- É o novo programa que pon en marcha a institución nos Concellos a través da Fundación TIC e un equipo de case 80 dinamizadores que se desprazan a residencias, centros de día ou aos propios fogares para impartir as actividades   - Gómez Besteiro mantivo un encontro cun cento de maiores de Láncara que estrearon hoxe o Sempre en Activo, que xa se pode solicitar de xeito individual ou colectivo en 698-108-372 ou en sempreenactivo@fundaciontic.org - A institución puxo en marcha unha web e unha APP para móbiles dende as que tamén se poden realizar gratis exercicios e xogos de memoria, lóxica, cálculo, atención, entre outros

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao Director de Fondos Europeos, Pablo Rivera, deu o pistoletazo de saída este martes en Láncara ao Sempre en Activo, o programa que potencia o benestar social e o envellecemento activo, que pon en marcha a Deputación na provincia a través da Fundación TIC. A institución ofrece a lucenses maiores de 55 anos formación gratuíta e nos seus propios fogares sobre novas tecnoloxías mediante un equipo de profesionais de case 80 dinamizadores, que distribuíu en todos os Concellos lugueses agás o da capital, ao ter unha iniciativa semellante. Todos os interesados en participar, tanto de xeito individual como colectivo, poden inscribirse en 698-108-372 ou en sempreenactivo@fundaciontic.org.
 
Gómez Besteiro mantivo un encontro con preto dun cento de maiores da residencia A Veiga de Láncara, que estrearon hoxe as actividades do Sempre en Activo, dirixidas a aumentar a autonomía e as capacidades cognitivas e funcionais. Por exemplo, prácticas con programas informáticos, xogos virtuais ou videoconsolas para aumentar a memoria, a capacidade de atención ou as cualidades físicas e motrices (equilibrio, cordinación, velocidade de reacción, tonificación muscular, flexibilidade, resistencia cardiovascular, capacidade de aprendizaxe…); manexo de ordenadores, tablet ou móbiles; consultas en Internet, redes sociais, conexións a través de Skype…

Son os dinamizadores os que se desprazan ao lugar das actividades (residencias, centros de día, centros socioculturais ou propios fogares) e achegan o material tecnolóxico necesario.  

Portal web e APP para móbiles
O organismo provincial puxo en marcha o portal web sempreenactivo.fundaciontic.org e a APP para móbiles “Sempre en activo”, dende os que se poden realizar gratis exercicios de memoria, cálculo, lóxica, atención, entre outros. 

Sempre en Activo enmárcase no Innova-TE2, o programa tecnolóxico da Deputación, cofinanciado nun 80% por fondos da Unión Europea. Con esta iniciativa, a institución luguesa continúa co seu compromiso de corrixir as desigualdades entre todos os lucenses, con independencia de factores como o lugar onde vivan, a súa idade ou as súas capacidades, para que poidan acceder ao maior número posible de actividades e recursos relacionados coas novas tecnoloxías, contribuíndo á comunicación e ao intercambio de ideas como mecanismos para aumentar a calidade de vida.