Deputación de Lugo

A Deputación celebra o venres un obradoiro aberto e gratuíto sobre o uso das redes sociais nos Concellos

Imaxe deputación de lugo
- A xornada “Xestión e uso das redes sociais nos Concellos” está dirixida a autoridades e traballadores de todos os municipios lugueses, e será impartida por profesionais de ampla traxectoria no ámbito dixital e comunicativo - No obradoiro presentarase un pioneiro informe en Galicia sobre o uso dos medios sociais e novas canles de comunicación online nos Concellos e a participación cidadá nos mesmos - Aberta a inscrición en rrss.transparencia@deputacionlugo.org ou no 982 808 196

A Deputación de Lugo organiza o venres, desde as 10:30 horas no salón de actos do Pazo de San Marcos, a xornada gratuíta “Xestión e uso das redes sociais nos Concellos”. Trátase dun obradoiro totalmente práctico, dirixido a autoridades e traballadores de todos os Concellos que busquen complementar a súa formación no ámbito dixital e redes sociais, e na que se darán as claves para unha boa comunicación institucional nos novos medios.

Esta iniciativa está enmarcada no Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación, cofinanciado nun 80% pola Unión Europea. Será impartida por profesionais de ampla traxectoria no ámbito dixital e comunicativo, que achegarán ao persoal dos municipios da provincia as novas canles de comunicación social, e amosarán estratexias comunicativas desde o punto de vista da administración local para mellorar a comunicación cos veciños.

No obradoiro trataranse temas como o papel dos novos medios sociais para as administracións e a súa importancia na política, a Comunicación tradicional vs. Comunicación Online, as claves dunha boa estratexia de comunicación online para un Concello, Twitter: o triunfo do inmediato, Facebook: o lugar onde están tod@s ou as chaves do posicionamento: a importancia de ser o primeiro en Google, entre outros.

Os interesados en participar nesta xornada formativa gratuíta, podes inscribirte no correo electrónico rrss.transparencia@deputacionlugo.org, onde terás que enviar os teus datos persoais (nome, apelidos, correo electrónico de contacto, posto de traballo) ou no teléfono 982 808 196.
Informe redes sociais institucionais
No marco desta xornada presentarase o “Informe de situación de adopción e uso de medios sociais e de novas canles de comunicación online por parte dos concellos da provincia de Lugo e do estado de participación cidadá a través dos mesmos”, o primeiro destas características que existe a nivel galego, e un dos primeiros que se publica no  territorio español. O informe recolle unha radiografía exhaustiva do estado en que se atopan os concellos da provincia en materia de redes sociais e proporciona, a través dunha guía de estilo, recomendacións orientadas cara ao correcto uso destas ferramentas, para unha xestión eficaz e transparente.