Deputación de Lugo

Gómez Besteiro avanza que o Centro público de Recría da Deputación abrirá en marzo

- O Presidente anunciou que a Deputación só está a agardar pola licencia de primeira ocupación que concede o Concello de Castro de Rei para comezar a actividade no Centro- Gómez Besteiro subliñou que este Centro; e iniciativas como a app de control leiteiro; o Plan de Impulso ao Rural, ou o Ben Empregado!, do que en breve lanzarase unha 2ª edición dotada con 6 millóns de euros, son exemplo da aposta da Deputación polo sector

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou a próxima apertura, no mes de marzo, do que será o 1º Centro de Recría público de España. Fíxoo durante o acto de inauguración da III Xornada Técnica de Produción de Leite, organizada por Africor coa colaboración do organismo provincial, e celebrado hoxe no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria lucense. Gómez Besteiro subliñou que unha vez rematadas as obras, o pasado mes de febreiro, a Deputación tan só está a agardar pola licencia de primeira ocupación que concede o Concello de Castro de Rei para poder comezar a actividade.

A Deputación financia este Centro en solitario, con 12 millóns de euros, logo das sucesivas negativas da Xunta de Galicia a colaborar co que é un dos proxectos máis revolucionarios para o sector nos últimos tempos, que suporá un avance na mellora xenética e na recría de reses en toda Galicia ao ofrecer aos gandeiros unhas modernas instalacións con capacidade para 3.000 cabezas de gando. Ao mesmo tempo, contribuirá a reactivar a economía provincial, xerando un volume de negocio anual duns 3 millóns de euros, e creando postos de traballo.

Dentro desta liña de aposta polo sector “unha das columnas vertebrais da economía da nosa provincia”, Gómez Besteiro tamén destacou a primeira aplicación para dispositivos móbiles que permite aos gandeiros levar un exhaustivo control leiteiro das súas explotacións e consultar multitude de datos do seu interese, e que hoxe puideron coñecer polo miúdo os profesionais presentes na xornada.

“Sempre vamos un paso por diante en evolución tecnolóxica: temos grandes explotacións; moi modernas, e a Deputación o que fai é acompañar ao sector con innovacións”, subliñou o Presidente.

Iniciativas de impulso ao sectorBesteiro puxo en valor outras iniciativas postas en marcha polo organismo provincial, como o Plan de Impulso ao Medio Rural, dotado con case 2,3 millóns de euros, e que “contribuirá a combater o despoboamento e o abandono do rural”, con axudas para recuperar terras abandonadas que permitirán, por exemplo, aumentar a superficie produtiva das explotacións; o plan Ben Empregado!, que “permite ao sector a contratación de traballadores a custe cero” e do que, en breve, se lanzará a segunda edición, cun orzamento de 6 millóns de euros para xerar postos de traballo de calidade na provincia dun xeito pioneiro, adaptando a oferta á demanda laboral.