Deputación de Lugo

O goberno da Deputación insta ao PP a votar a favor da reprobación da Conselleira de Sanidade

Imaxe deputación de lugo
-A Vicepresidenta da Deputación afirma: “Se de verdade están a favor de que a provincia teña Radioterapia e Hemodinámica 24 horas, demóstrenolo con feitos e non con máis discriminacións” -Lara Méndez considera que “Barreiro e Castiñeira quedan en evidencia diante os lucenses cando a propia Conselleira atribuiu os reproches que agora lle fan a que os populares están en campaña electoral”

O goberno da Deputación de Lugo insta ao Partido Popular a reprobar á Conselleira de Sanidade debido ás súas innumerables negativas a que os lucenses dispoñan de Radioterapia e Hemodinámica as 24 horas, servizos sanitarios que teñen a maioría dos galegos. Os populares poderán demostrar claramente a súa postura no pleno provincial deste mes, cando se votará a reprobación á Conselleira da Xunta que máis discriminacións sumou á provincia en menos tempo. A continua discriminación da Xunta de Galicia á provincia de Lugo chegou ao seu punto máis disparatado onte, cando a Conselleira de Sanidade atribuiu á campaña electoral os reproches que agora lle empezaron a facer os seus propios compañeiros do PP.

Por iso, a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, cualifica “esta esperpéntica situación de tomadura de pelo aos lucenses” e pídelle aos populares que pasen das palabras aos feitos: “Se de verdade están a favor de que a provincia teña Radioterapia e Hemodinámica as 24 horas demóstrenolo con feitos e non con máis discriminacións”. Para Méndez “tanto Barreiro como Castiñeira quedan en evidencia diante os lucenses cando a propia Conselleira atribuiu os reproches que agora lle fan a que os populares están en campaña electoral”.

Para a Vicepresidenta: “A guerra aberta entre os populares súmase ao espectáculo que xa deron por presidir o banco da oposición na Deputación. Deixen de dar espectáculos e empecen a traballar para solucionar os problemas de verdade que nos importan aos cidadáns”.

Esta mesma semana a Deputación e Concello anunciaron novas medidas para defender unha sanidade pública e de calidade en Lugo, tal e como gozan os galegos. A provincia continúa sufrindo o bloqueo da Xunta de Galicia en servizos básicos a pesar de que os propios especialistas médicos recoñeceron públicamente que só 1 de cada 3 lucenses infartados é atendido en menos de 120 minutos.