Deputación de Lugo

A música e a historia do coro lucense Cántigas e Aturuxos, protagonistas da nova exposición do CENTRAD

- Regina Polín inaugurou Primeiras Gravacións Lucenses. Cántigas e Aturuxos 1918, unha mostra de entrada gratuíta sobre “o coro que marcou a historia musical e cultural, non só da cidade de Lugo, senón de toda a provincia”- Composta por actas fundacionais, partituras, discos de gramófono, contratos discográficos, fotografías e recompilacións de aparicións en prensa, a mostra permanecerá aberta ata o 22 de abril no pavillón 4 do CENTRAD de luns a venres, de 09:00 a 19:00 horas - O vindeiro sábado actuará Cántigas e Frores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ás 19:00 horas. Os concertos de coros xunto a esta exposición e a publicación dun libro son os actos programados en homenaxe a esta agrupación musical polo seu centenario

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou este xoves a nova exposición do Centro de Artesanía e Deseño, que baixo o título Primeiras Gravacións Lucenses. Cántigas e Aturuxos 1918, percorre a historia deste coro lucense. Esta mostra inclúese dentro da programación de actos organizada pola Editorial Ouvirmos coa colaboración do organismo provincial para conmemorar o centenario da agrupación musical Cántigas e Aturuxos, o primeiro en gravar o Himno Galego. No acto tamén estivo presente a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, o director da Editorial Ouvirmos, Xosé Manuel Aldea, e o comisario da exposición, Luciano Pérez.

Polín lembrou a figura de Cántigas e Aturuxos como “o coro que marcou a historia musical e cultural non só da cidade de Lugo, senón de toda a provincia dende 1915 ata 1936, dúas décadas nas que a agrupación musical acolleu a máis de 300 lucenses e nos que se involucraron persoeiros como Bal y Gay, Sariñena ou Isaac Correa Calderón”.

“Cántigas e Aturuxos foi e segue a ser moito máis que unha agrupación musical da que todos nos debemos sentir orgullosos. Orixe do galeguismo máis ou menos organizado, Cántigas e Aturuxos era o coro máis importante e parcipativo da época, pero sobre todo, a día de hoxe, é un anaco de Lugo, sinal de identidade de todos os veciños”, destacou a Deputada.

A Deputación comprometida coa cultura luguesa
A Deputación réndelle homenaxe a Cántigas e Aturuxos no seu centenario, posto que se engloba dentro do seu compromiso de apoiar ás iniciativas que poñan en valor a riqueza histórica e cultural da provincia. En Primeiras Gravacións Lucenses. Cántigas e Aturuxos 1918 “ponse en valor o gran patrimonio que posúe Lugo. Dende o organismo provincial organizamos estes eventos co obxectivo de fomentar a cultura luguesa entre os lucenses así como para dotar de sentido ao pasado”, avanzou Polín, ao tempo que avogou por que a música popular e folclórica deste coro “non caia no esquecemento, que siga vixente a súa memoria musical lucense e galeguista, non só no ano do seu centenario, senón para sempre”.
Horarios da exposición
Composta por actas fundacionais, partituras, discos de gramófono, contratos discográficos, fotografías e recompilacións de aparicións en prensa, entre outros, Primeiras Gravacións Lucenses. Cántigas e Aturuxos 1918, permanecerá aberta ata o 22 de abril no pavillón 4 do CENTRAD de luns a venres, de 09:00 a 19:00 horas. A entrada é gratuíta.

Cántigas e Aturuxos na memoria dos lugueses
Os actos programados para esta homenaxe arrincaron coa presentación do libro “Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio Lucense 1918”, do escritor Ramón González González. Esta obra literaria, acompañada por un CD que inclúe 20 temas que recuperan os primeiros rexistros sonoros do coro no ano 1918, foi editada por Ouvirmos coa colaboración da Deputación e do Centro de Artesanía e Deseño.

Dentro da programación tamén se inclúe a actuación de coros históricos. O coro Toxos e Froles actuará este sábado, 21 de marzo, a partir das 19:00 horas no Salón de Actos da Deputación. A Coral de Ruada, Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra actuarán o 28 de marzo e o 4 e 11 de abril, respectivamente.